Navantia exclúe un candidato por "exceso de coñecemento profesional", denuncia a CGT

O sindicato denuncia a exclusión no xulgado. 
Entrada principal do estaleiro de Navantia en Ferrol
photo_camera Entrada principal do estaleiro de Navantia en Ferrol

A sección sindical da CGT en Navantia Ferrol denunciou que a empresa pública excluíu un candidato que se presentou ás prazas de técnico superior junior na convocatoria do 2019 por "exceso de madurez persoal" e por exceso de coñecemento". A través dun comunicado o sindicato incide en que desta situación hai "probas documentais e o caso xa está no xulgado".

Critica que a dirección de Navantia manifeste que "escollen os mellores, tanta dinámica de grupo, tanta entrevista persoal, tanto vender imaxe e ao final resulta que se exclúe á xente por ser demasiado madura e saber demasiado do seu traballo".

O sindicato considera que foi o departamento de Recursos Humanos o que excluíu esta persoa, e que "se está rexendo nos procesos de selección por criterios que non teñen nada que ver coa profesionalidade". Ademais, apuntou que algúns xefes "queixáronse de que as persoas que lles mandaba desde  RRHH, para a entrevista profesional, que non cumprían os requisitos profesionais que eles necesitaban".

Aseguran por parte de CGT que este tipo de actitudes nunha empresa pública "é especialmente escandalosa" e pregúntanse "onde queda aquilo da "igualdade, mérito e capacidade?".

Comentarios