Navantia encomenda ao estaleiro de Ferrol un terzo do que a Cádiz

O encargo do quinto buque gaseiro de Gas Natural ao estaleiro de San Fernando confirma os peores temores a respecto da carga de traballo real que ía receber Galiza.

Estaleiro, naval

Logo do anuncio de que Ferrol construirá un dos dous novos BAM para a Armada, o Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, facía público que o buque gaseiro encomendado por Gas Natural construirase en San Fernando (Cádiz), a pesar de que en xaneiro a empresa apuntaba que esta se repartiría entre as gradas gaditanas e as galegas. Porén, finalmente Navantia decidiu concentrar o pedido na factoría andaluza. Desta maneira comparando a carga de traballo para os vindeiros 30-36 meses, constátase que a encomendada a Ferrol (1,1 millóns de horas, polo BAM) é un terzo da outorgada a Cádiz (1,1 millón doutro BAM e arredor de 2 millóns de horas máis polo gaseiro). 

O flotel de PEMEX e o BAM da Armada só suporán un 20% da carga de traballo que Ferrol pode asumir

As encomendas dun flotel de PEMEX e dun Buque de Acción Marítima (BAM) para a Armada Española, apenas suporán un 20% da carga de traballo que o estaleiro de Navantia en Ferrol podería asumir. Ambos encargos suporán dous millóns de horas de traballo para os vindeiros trinta meses. As gradas ferrolás de Navantia poden, en troca, producir até 4 millóns de horas por ano. 

Confírmanse os peores temores do BNG

En decembro pasado Gas Natural mostrábase favorábel a que este pedido fose asumido por Navantia, logo de que outros catro gaseiros fosen contratados en estaleiros xaponés Imabari e o coreano Hyundai. O buque de “terceira xeración” e con capacidade para 176.000 será destinado pola empresa enerxética para transportar Gas Natural Licuado (GNL), fundamentalmente proveniente de Louisiana (EUA), entre os Estados Unidos e Xapón.

O BNG interpelou en varias ocasións a Goberno e SEPI sobre as previsións reais para Ferrol sen obteren resposta

Con todo, a falta de concreción motivou unha grande desconfianza  e preocupación desde o inicio a respecto da posibilidade de que Ferrol recibise esa encomenda. Uns temores, confirmados co anuncio de hoxe, que se trasladaron por boca do BNG xa o pasado mes de febreiro no Parlamento español. A deputada Rosana Pérez presentou o 22 de febreiro unha pregunta na que lle solicitaba ao ministro de Facenda, Cristobal Montoro que concretase “as posibilidades reais” de que o estaleiro ferrolá construíse o quito gaseiro. A resposta do ministro ante a interpelación foi limitarse a afirmar que o proxecto estaba en marcha, mais sen explicitar onde se ía construír. 

En marzo a deputada nacionalista formulaba tamén unha completa batería de preguntas ao Presidente da SEPI, para “aclarar o futuro da factoría de Ferrol” sen obter ningunha resposta definitiva. Aliás, o Ministerio de Economía negouse o pasado 27 de abril a lle entregar ao BNG o plan de traballo 2011-2018 e a acta dun Consello de Administración de Navantia, coas que o Bloque pretendía visar as previsións reais para Ferrol.

Comentarios