A Audiencia Nacional condena Navantia por vulnerar o dereito á liberdade sindical

Navantia dedícase á construción e reparación de buques, fragatas, porta-aeronaves, submarinos e patrulleiros. Está controlada ao 100% pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), adscrita ao Ministerio de Facenda e Función Pública.
Jackets nas instalacións de Navantia Fene (Foto: Nós Diario).
photo_camera Jackets nas instalacións de Navantia Fene (Foto: Nós Diario).

A Audiencia Nacional condenou á empresa pública Navantia por vulnerar o dereito fundamental de liberdade sindical dos sindicatos CC.OO, UXT e Confederación Intersindical Galega (CIG), co pago de 7.501 euros a cada un destes sindicatos.

Segundo consta na sentenza, Navantia tamén terá que pór ao dispor dos sindicatos a información sobre as masas salariais presentadas ao Ministerio de Facenda e as resolucións que autorizan os incrementos correspondentes entre 2018 e 2021.

A compañía, segundo explicou o sindicato a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) nun comunicado, negouse durante catro anos a acceder aos datos sobre a masa salarial, algo que a Audiencia Nacional declarou agora como vulneración da negociación e do dereito de información.

"A empresa furtou aos sindicatos o dereito á negociación de aspectos fundamentais como retribucións, postos de traballo, clasificacións profesionais, entre outros aspectos", sinalou CSIF.

Navantia dedícase á construción e reparación de buques, fragatas, porta-aeronaves, submarinos e patrulleiros. Está controlada ao 100% pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), adscrita ao Ministerio de Facenda e Función Pública.

Condenas anteriores

A empresa pública Navantia -antiga Bazán- xa enfrentou condenas anteriores por asuntos relacionados co cadro de persoal.

O pasado mes de setembro, o Xulgado do Social número 2 de Ferrol admitiu de maneira parcial a reclamación presentada polo ex traballador da empresa, Rafael Pillado, afectado por un cancro de pulmón como consecuencia da súa exposición ao amianto durante a súa etapa como empregado nos estaleiros.

O tribunal recoñeceu que a empresa "non realizaba medicións para coñecer a concentración de amianto no ambiente, nin proporcionaba aos traballadores elementos de protección específicos"

Daquela, Navantia foi obrigada a retribuírlle ao ex traballador un total de 127.909,22 euros, dos cales 70.000 son a razón dos danos derivados "da perda de calidade de vida", como consecuencia do cancro que padece.

Comentarios