mércores 22/09/21

5.000 persoas concéntranse en Xove para lembrar, un ano despois, o ERE de Alcoa

Persoal da multinacional, veciñas e veciños piden unha solución para o futuro da factoría de Cervo. O comité de empresa prevé iniciar esta cuarta feira reunións con Liberty e outros posíbeis compradores da planta.

Concentración en apoio a Alcoa lembrando o ano do ERE en Xove (Carlos Castro / Europa Press).
Concentración en apoio a Alcoa lembrando o ano do ERE en Xove (Carlos Castro / Europa Press).

A Mariña volveu a apoiar ao persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Unhas 5.000 persoas, segundo estimacións do comité de empresa, entre traballadoras, traballadores, veciñas e veciños, concentráronse este domingo diante do Concello de Xove para urxir ao Goberno español, a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), a acometer a "intervención temporal" da fábrica.

A protesta serviu tamén para lembrar que hai un ano do inicio das mobilizacións contra o expediente de regulación de emprego (ERE) exposto o 28 de maio de 2020 pola multinacional.

Este expediente, que posteriormente foi suspendido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), está agora pendente do que decida o Tribunal Supremo sobre o recurso presentado por Alcoa.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, agradeceu a "moi boa" acollida que tivo a mobilización, que discorreu "nun ton reivindicativo" após 365 días con máis de 500 empregos no aire. De fondo as consignas que se escoitaban demandaban 'Enerxía solución', 'Alcoa sálvase loitando' e 'Madrid, escoita, A Mariña está en loita'. No acto fixeron saltar polo aire unha torta de aniversario para simbolizar o tempo transcorrido desde a presentación do ERE.

Sen novidade da SEPI

Un ano despois, tal e como lamentou Zan, o persoal da planta segue "pendente" dunha intervención temporal por parte da SEPI que, de feito, é un "mandato do Parlamento da Galiza e do Congreso".

Esta compra pública temporal serviría, explica o presidente do comité de empresa, para que despois o Estado español venda a fábrica a un terceiro que garanta a carga e os postos de traballo.

Zan asegurou que esta semana o comité de empresa iniciará unha rolda de reunións cos posíbeis compradores, comezando esta cuarta feira con Liberty, a primeira que se interesou pola fábrica da Mariña.

comentarios