A multinacional fundada por Amancio Ortega, Inditex, comunicou aos axentes sociais que ten pensado realizar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) que os sindicatos indican que afectará a 37.000 traballadoras e traballadores do seu cadro de persoal a nivel estatal (ten 50.000). A empresa, unha das que ten máis éxito a nivel económico cuns beneficios declarados de 3.639 millóns de euros no último exercicio, acóllese desta maneira á posibilidade de aplicar unha das medidas acordadas polo Goberno español e aforrará de pagar até 75% do salario que terá que ser compensado polas arcas públicas.
Segundo fontes sindicais este ERTE entraría en vigor o vindeiro 1 de abril, se ben desde Inditex recuaron ante as fortes críticas recibidas e a última hora da quinta feira indicaban que sería a partir de 15 de abril. Inditex non aclara até agora que pasará coas traballadoras e traballadores temporais, coas que estean de baixa ou en excedencia, ou coas vacacións das afectadas. Nesta medida non estrarían as empregadas e empregados de almacéns loxísticos para garantir o funcionamento do servizo online e os envíos aos países que seguen coas tendas abertas.
“Non é o momento”
Desde CCOO solicitan a Inditex que aclare o futuro do seu cadro de persoal. "O mesmo día que anuncia uns beneficios de 3.639 millóns de euros e poñerse a disposición do Goberno para abastecer ao país de material sanitario, comunicaba aos sindicatos que presentará ERTE nos centros loxísticos de todo o Estado", sinalan desde a sección de Industria deste sindicato, "non é o momento de presentalos, podería afrontar a situación en solitario dada súa excelente situación financeira".
Este sindicato explica que, no momento en que Inditex presente de forma oficial o ERTE, exixirá "de forma contundente" que a compañía asegure, ademais de todas as garantías de seguridade e saúde para o persoal, todo o emprego do grupo, a totalidade do salario e os conceptos variábeis ás persoas afectadas.