As mulleres que traballan na industria son as máis prexudicadas polo feche da 'raia'

Os datos, que agora fai públicos a Deputación de Pontevedra, foron recollidos pola AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) Río Minho coas achegas voluntarias do seu rexistro de afectadas e afectados. Máis do 75% das queixas chegan de persoal de orixe galega.
Imaxe dunha das operarias afectada pola situación. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Imaxe dunha das operarias afectada pola situación. (Foto: Deputación de Pontevedra)

A industria é o sector laboral máis afectado polo fechamento da fronteira con Portugal por case todos os pasos. E, ao mirar o colectivo que está a sufrir maiores prexuízos, as mulleres galegas aparecen nunha posición destacada. Así o advertiu hoxe a Deputación de Pontevedra, que deu a coñecer os resultados dunha análise elaborada pola  AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) Río Minho.

O informe, elaborado con datos persoais achegados de forma voluntaria por operarias e operarios de ambos lados da 'raia' entre o 2 e o 18 de marzo á entidade, deixa ver que as medidas tomadas pola Covid-19 están afectando especialmente ás traballadoras e, en particular, ás galegas.

Segundo traslada esta segunda feira a Deputación, a AECT rexistrou un 76% das reclamacións desde a Galiza. Desa porcentaxe até o 62% son mulleres e, á súa vez, do 100% desas persoas a metade ten que facer desprazamentos para acudir ao seu posto laboral na industria.

Iso si, fontes da administración sinalan que na mostra poden aparecer máis as operarias por ter unha “maior decisión á hora de rexistrarse e reclamar os seus dereitos, prexudicados polo peche das pontes; ou ben, o feito de que a man de obra transfronteiriza, especificamente, entre o Baixo Miño e o Alto Minho, ten unha maioría de xénero feminino”.

Especialmente prexudicial foi, din, que só se deixara un paso e quedara inutilizado polo virus o existente entre Tomiño e Vila Nova da Cerveira, que é a “quinta ponte en mobilidade entre España e Portugal, con 5.812 vehículos medios diarios”.

De feito tamén deixou incomunicados a dous municipios que comparten algúns servizos. Precisamente a xente contratada nese sector que abrangue o comercio ou a hostalaría foi a segunda con maiores prexuízos pola decisión política. O funcionariado sería o menos implicado, aínda que tamén tivo problemas. 

Tempo e diñeiro

Das denuncias achegadas a AECT hai unha que se repite varias veces: o incremento da distancia e do tempo para chegar ao posto, o que supón un maior gasto e tamén unha dificultade engadida para conciliar actividade laboral externa e vida familiar.

“En segundo lugar, o 25.29% dos afectados acusan un incremento notable no custo dos seus desprazamentos, algo compatible coa primeira das causas presentadas. En terceiro lugar, un 12.94% das persoas comunican que a situación impediulles, de facto, poder cruzar a fronteira para desprazarse ao seu posto de traballo”, aclara a Deputación.

A veciñanza que aínda queira denunciar a súa situación ten a opción de fornecer a súa información a través da páxina web da AECT Río Minho.

Comentarios