MáIS DE 160 MULLERES DURMIRON NA ACAMPADA

As mulleres do sector do cerco póñense á fronte da loita

Máis de 160 mulleres pasaron a noite acampadas en San Caetano, diante da Xunta de Galiza, para reivindicar algo que, salientan, é de xustiza: poder seguir vivindo do mar, como fixeron os seus bisavoas e avoas.

cerco
photo_camera [Imaxe: @anamirandapaz]

A pasada noite 160 mulleres cambiaron as súas camas por tendas de campaña. Son as mulleres do cerco, todas elas relacionadas dunha ou doutra maneira co sector, as que substituíron os homes para sumar unha noite máis na acampada reivindicativa da frota do cerco en San Caetano, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza. Precisamente hoxe cúmprense 52 días desde que mariñeiros e armadores, obrigados a deixar o mar pola falta de cotas, decidiron acampar nas proximidades dos despachos do Goberno galego.

Maite, de Portosín, é armadora e redeira. Cóntalle a Sermos Galiza que as mulleres se puxeron á fronte dos protestos esta fin de semana en apoio aos homes, “están moi decaídos, levan aquí tantos días… e ninguén da Xunta se dignou a achegarse a preguntar por que estamos aquí e que é o que necesitamos”. Sinala que nas últimas semanas o desánimo está a deixar pegada en armadores e mariñeiros, “algúns chegan a casa sen palabras, sen máis nada que contar… algúns non queren nin erguerse da cama”.

"Creo que o imos conseguir porque é de xustiza que nos permitan seguir vivindo do mar como fixeron as nosas bisavoas, avoas e, no futuro, as nosas fillas"

“Queremos animalos, darlles a forza necesaria para conseguir que permanezan acampados até o día 20”. Dinos que confía en conseguir que as súas reivindicacións se fagan realidade antes da xornada electoral. “Creo que o imos conseguir porque é de xustiza que nos permitan seguir vivindo do mar como fixeron as nosas bisavoas, avoas e, no futuro, as nosas fillas”, salienta. “Somos máis de 1.200 familias afectadas de maneira directa polo reparto inxusto das cotas en base aos históricos, e máis de 6.000 familias afectadas de maneira indirecta”, explica.

Maite di non sentirse apoiada nin representada polo Goberno de Feijóo, “non nos sentidos apoiadas para nada, en absoluto”. Cóntanos que, pola contra, a pasada noite as mulleres do cerco contaron co apoio do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e da representante do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, e mais da alcaldesa de Moaña, a tamén nacionalista Leticia Santos, que durmiron con elas nas tendas de campaña. Ademais, durante a mañá do sábado, visitounas o alcalde de Noia, Miguel Paz Barreiro (PSdeG-PSOE) e contarán tamén coa visita do eurodeputado socialista José Blanco. Tamén contaron co apoio da Directiva da ACERGA, a Asociación de Armadores do Cerco de Galiza, que representa a meirande parte do sector.

Esta noite, as mulleres do cerco recollerán os sacos de durmir e volverán ás súas casas. Tomarán o testemuño, unha xornada máis, os mariñeiros e armadores.

Comentarios