xoves 16/09/21

Morre un traballador en Sarria ao caer desde o tellado de Fontecelta

Até o lugar mobilizouse o helicóptero de Urxencias Sanitarias 061, cuxos profesionais só puideron certificar o falecemento do operario.
Ambulancia do 061 (Nós Diario)
Ambulancia do 061 (Nós Diario)

Un traballador morreu na mañá desta quinta feira no concello de Sarria, na comarca do mesmo nome, ao sufrir unha caída desde o tellado da empresa Fontecelta

Segundo informou o CIAE 112 Galiza, os servizos mobilizados pola central de emerxencias non puideron facer nada pola vida do operario, que faleceu no punto.

Un particular chamou á central do 112 ás 09:30 horas solicitando axuda para unha persoa que se precipitou desde o tellado dunha empresa situada no lugar de Céltigos, en Sarria. Até o lugar mobilizouse o helicóptero de Urxencias Sanitarias 061, cuxos profesionais só puideron certificar o falecemento do traballador.

Sinistralidade laboral

O avance das estatísticas de accidentes de traballo relativos a 2020, que publicou o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), indica que non mellora a situación de sinistralidade que vén padecendo Galiza nos últimos anos. Coa particular situación vivida de pandemia, co confinamento e feche dalgunhas actividades como protagonistas, na Galiza tiveron lugar 24.511 accidentes de traballo con baixa. Deste total, un 90,99% ocorreron en xornada laboral (22.302 accidentes) e o 9,01% restante no desprazamento do domicilio ao centro de traballo ou viceversa (2.209 accidentes).

En relación co ano anterior, os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral diminuíron un 24,45% e os accidentes in itinere descenderon un 29,27%. 

Se tratamos o mortalidade, os datos indican que o ano pasado morreron 59 persoas en accidente de traballo (52 en xornada laboral, dúas mortes menos que en 2019, e 7 in itinere). Segundo as estatísticas do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Galiza rexistrou unha incidencia de 5,31 accidentes mortais por cada cen mil traballadoras e traballadores, mentres que a proporción na media do Estado español foi de 3,27. Na clasificación estatal sería o cuarto territorio con maior índice de accidentes mortais. 

comentarios