Morre un traballador en accidente laboral no Porto de Marín

M.A.F. M, de 61 anos e veciño de Pontevedra, faleceu por aplastamento nun accidente co guindastre que manexaba.

Porto de Marín (Foto juantiagues)
photo_camera Porto de Marín (Foto juantiagues)

Un traballador faleceu na mañá de hoxe por aplastamento nun accidente laboral rexistrado no Porto de Marín nunha operación co guindastre que manexaba.

Así o informou o 112, que sinalou que o equipo sanitario desprazado non puido facer nada por salvarlle a vida após este accidente laboral, ocorrido sobre as 11,30 horas.

Á zona o 061 desprazou unha ambulancia de soporte vital avanzado cuxo persoal confirmou o falecemento do home M.A.F.M., de 61 anos de idade, indicaron a Europa Press fontes sanitarias.

Ademais de persoal do 061 acudiron ao lugar axentes da Garda Civil e da Policía Local para aclarar as circunstancias deste sinistro.

Fontes do Instituto Armado sinalaron Europa  Press que abriu unha investigación en relación á morte deste traballador, veciño de Pontevedra, para aclarar as circunstancias do accidente laboral.

Un total de 28 persoas falecen en accidente laboral no primeiro semestre na Galiza. O noso país rexistrou un total de 11.493 accidentes laborais no primeiros seis meses do ano. Entre eles, ademais dos mortais, houbo 207 graves e 11.258 leves. Do total, 27 dos sinistros con falecidos na Galiza producíronse na xornada laboral e un en  itínere. 

Estas 28 vítimas mortais supoñen unha menos que as 29 do primeiro semestre de 2019, aínda que este ano estivo marcado polo confinamento e o estado de alarma a raíz do coronavirus.

Comentarios