martes 14.07.2020

Morre un traballador na Estrada tras quedar atrapado nunha explotación gandeira

O persoal sanitario precisou da axuda dos Bombeiros do Deza.
Explotación gandeira galega (Nós Diario)
Explotación gandeira galega (Nós Diario)

Un traballador morreu tras quedar atrapado entre un guindastre e a parede nunha explotación gandeira no lugar de Cora, no termo municipal da Estrada.

Segundo informou o 112 Galiza, foi unha persoa particular quen alertou mediante unha chamada ao servizo de emerxencias cando pasaban das 22 horas da quinta feira.

Tras a alerta, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, mais o persoal sanitario non puido facer nada para salvar a vida do home.

Ademais, o equipo médico necesitou a axuda dos efectivos do Servizo Local de Emerxencias e dos Bombeiros do Deza, debido a que se atopaba a uns tres metros de altura na cesta do guindastre.

Ao lugar do accidente tamén se desprazou unha patrulla da Garda Civil, que confirmou o falecemento do traballador, responsábel da explotación gandeira na que se produciu o accidente.

Accidente laboral no Porto da Coruña

Por outra banda, un operario foi trasladado de urxencia para ser atendido das lesións provocadas por unha caída desde uns catro metros de altura rexistrada na noite desta quinta feira no peirao de descarga do Porto da Coruña, cando traballaba nun barco.

Segundo informou o 112 Galicia, así llo comunicou o equipo médico, que contaba cunha UVI móbil no lugar do accidente para prestar os primeiros coidados ao ferido e trasladalo, posteriormente, ao hospital.

comentarios