Morre un traballador no porto de Vigo ao lle caer enriba unha porta pesada dun barco

O operario estaba a facer tarefas de reparación e mantemento a bordo dun buque amarrado en Beiramar.
(Foto: Autoridade Portuaria de Vigo)
photo_camera (Foto: Autoridade Portuaria de Vigo)

Un traballador de 53 anos de idade, J.P, faleceu esta segunda feira nun accidente laboral rexistrado ao caerlle enriba unha porta pesada dentro dun barco no Porto de Vigo.

Segundo os datos facilitados pola Policía e fontes sanitarias, este accidente laboral sucedeu sobre as 13:45 horas desta segunda feira no barco Argos Vigo no Porto de Vigo.

Ao traballador, sinalaron fontes da Policía, "caeulle unha porta dentro dun barco cun peso considerábel", cando estaba a realizar labores de reparación a bordo do buque, na zona de Beiramar.

En concreto, o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital avanzado para atender ao operario, que faleceu no lugar dos feitos, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

A Policía indicou que a investigación sobre este accidente laboral con resultado de morte corresponde á Inspección de Traballo, pero aclarou que ao lugar acudiron efectivos de Policía Científica e comunicarase ao xulgado o sucedido.

Os sindicatos alertaban a mediados de abril da febleza da prevención laboral na Galiza, o que se evidenciaba coa crise sanitaria do coronavirus e lembraban que nos dous primeiros meses de 2020 houbo 4.600 accidentes laborais na Galiza, nos que se rexistraron 10 vítimas mortais.

Comentarios