Accidente laboral

Morre un 'percebeiro' en Laxe

Caeu ao mar cando traballaba nas proximidades de Pedra do Boi.

Faro de Laxe (Foto de Viaturi)
photo_camera Faro de Laxe (Foto: Viaturi)

Un ' percebeiro' faleceu na mañá desta segunda feira tras caerse ao mar na zona do faro do municipio de Laxe, comarca de Bergantiños.  Segundo informa Protección Civil de Laxe a Europa  Press, o corpo foi recuperado nas inmediacións do faro e trasladado ao porto. O home, Francisco Manuel Lema Rodríguez, é un veciño do municipio de 59 anos de idade.

Salvamento Marítimo explica a Europa  Press que un amplo operativo de procura activouse pasadas as 1:00 horas tras a alerta da confraría de que un ' percebeiro', que se atopaba con outros compañeiros, precipitouse ao mar nas proximidades da  Pedra  do  Boi.

O helicóptero  Helimer de Salvamento avistou o corpo sobre as 12:55 horas. Posteriormente, foi trasladado nunha lancha da Cruz Vermella até o porto de Laxe.

A sinistralidade laboral continúa a ser un grave problema na Galiza, que lidera os índices de mortaldade no traballo a nivel de Estado.

Un total de 28 persoas falecen en accidente laboral no primeiro semestre na Galiza. O noso país rexistrou un total de 11.493 accidentes laborais no primeiros seis meses do ano. Entre eles, ademais dos mortais, houbo 207 graves e 11.258 leves. Do total, 27 dos sinistros con falecidos na Galiza producíronse na xornada laboral e un en  itínere. 

Ao longo de 2019 un total de 32.651 traballadores e traballadoras sufriron accidentes na Galiza, sinistros nos que se produciron 62 mortes.

Galiza está á cabeza do Estado español en índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros laborais mortais. Duplicamos a media estatal no que é unha constatación máis do preocupante panorama que nos accidentes laborais rexistra Galiza. No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6.05.

Comentarios