As modificacións na cotización das autónomas non convencen o colectivo

Desde ATA Galiza cren que as medidas anunciadas polo ministro Escrivá, lonxe de beneficiar, van prexudicar a maioría do persoal traballador.
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá (Foto: Europa Press).

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións vén de presentar unha proposta para que os traballadores e as traballadoras autónomas elixan a súa base de cotización en función das previsións de rendementos que terán, unha medida que non foi ben acollida por este colectivo, que cre que, lonxe de beneficiar, vai prexudicar á maioría das súas integrantes. 

A proposta, anunciada polo ministro José Luis Escrivá e trasladada ás principais organizacións de autónomos, permitirá cambiar a base de cotización trimestralmente para axustala aos rendementos de cada quen.

O documento, que non deixa de ser unha proposta inicial,  sinala tamén que no mes de outubro de cada ano Facenda enviará á Tesouraría Xeral da Seguridade Social o rendemento neto calculado no IRPF dos autónomos. A Tesouraría pasará entón a comparar as bases de cotización provisionais e o rendemento neto e procederá ben a devolver o pago de máis ou ben a reclamar o que falte se se pagou de menos.

Segundo Escrivá, este sistema, que podería entrar en funcionamento en 2022, segue as recomendacións do borrador da Comisión do Pacto de Toledo, mais fixo fincapé na importancia de que sexa acordado coas representantes do colectivo.

Pero entre os traballadores e as traballadoras autónomas o novo sistema proposto non acaba de gustar. Como recoñece a Nós Diario o presidente de ATA Galiza, Rafael Granados, "estamos dispostos a negociar, pero tal e como se presenta non estamos de acordo". Tamén considera que "nin é o momento nin a maneira".

Refírese ao feito de que este beneficio só esta contemplado para traballadores e traballadoras autónomas en réxime de estimación indirecta. Non afecta por tanto aos de módulos, aos de estimación directa ou aos autónomos colaboradores. 

Como explica Granados, os autónomos en estimación directa "están a pasalo moi mal", e hai que pensar tamén noutros modelos, como os autónomos colaboradores, que se dan de alta na actividade en moitos dos casos para apoiar familiares en negocios que non teñen traballadores ao seu cargo e que "se lles soben a base pensaríano moitísimo antes de darse de alta".  

E logo está a crise derivada da Covid-19. Neste senso, sinala que pode darse o caso de que un traballador ou traballadora autónoma subcontratada por unha empresa teña que pagar máis á Seguridade Social que a propia sociedade que o contrata. 

Método de cálculo

Outro dos aspectos que propón revisar é o método de cálculo. "Se collemos a base de facturación do ano 2019 e a aplicamos a 2020, moita xente estaría a pagar por riba dos ingresos reais que están dando no ano vixente. O cálculo non estaría actualizado", apunta. A medida, tal e como se propón, "non vai beneficiar ningún autónomo, só prexudicar", insiste.

Na súa opinión, as medidas que tomen deberían priorizar as persoas con menos ingresos. "O que máis urxe neste momento é atender á base de cotización dos traballadores e das traballadoras autónomas que non chegan ao salario mínimo interprofesional (SMI). Ese sería o primeiro paso", indica Granados.   

"Estamos de acordo en que as persoas que non chegan ao salario mínimo en beneficios puidesen baixar a súa base de cotización, pero iso non vén estipulado na documentación que nos acredita o ministerio", lamenta o representante de ATA Galiza. 

Como sinala, á asociación chegan "moitas consultas" de persoas cunha facturación pequena que, pese a perder 60% dos seus ingresos non poden acceder ás axudas por cesamento de actividade. Na mesa do autónomo están a negociar coa Xunta medidas encamiñadas a amparar este colectivo "que quedou fóra" da protección das Administracións. 

Con todo, Granados recoñece que a situación das máis de 207.000 galegas dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) "é moi crítica", mais insiste en que nun momento de crise como o actual non se poden tomar medidas que impliquen unha maior carga económica para un colectivo que está a sufrir como poucos os efectos da Covid-19. 

Comentarios