Mobilízanse os traballadores públicos contra o ‘abuso da temporalidade’ no sector

Unha caravana con decenas de coches percorreu este domingo Compostela para protestar contra o "abuso da temporalidade" laboral no sector público, á vez que reivindicou a aplicación do dereito europeo para ter "estabilidade".

EuropaPress_3697791_caravana_coches_convocada_plataforma_traballadores_publicos_temporais
photo_camera Mobilización contra a temporalidade no sector público no momento no que se concentrou diante do Parlamento. (Foto: Europa Press)

A Plataforma de Traballadores Públicos Temporais en Fraude de Lei convocou na mañá do domingo unha mobilización automobilística que percorreu as rúas da capital galega até chegar ao Parlamento.

Decenas de vehículos participaron na protesta polas rúas compostelás, decorados con globos negros e amarelos. Os manifestantes partiron ás 11.00 horas do Palacio de Congresos e Exposicións de San Lázaro e, posteriormente, dirixíronse até a rúa do Hórreo, fronte ao edificio do Parlamento de Galiza.

O sindicalista Pablo Fernández, membro da Confederación Nacional do Traballo (CNT) e da Plataforma de Traballadores Públicos Temporais en Fraude de Lei, leu un manifesto no que cargou contra o "abuso" da temporalidade e esixiu a aplicación da lexislación laboral europea "en todos os países".

"Non só temos a confirmación máis que evidente da falta de vontade política e sindical para solucionar este inxusto e dramático problema de centos de milleiros de familias, senón da mentira e da actuación de mala fe que se instauraron no exercer dos nosos políticos e das organizacións sindicais", censurou Fernández.

Para a CNT e a plataforma convocante, alén de "lapidar" a aplicación do dereito europeo, as administracións española e galega adoptan solucións "aniquiladoras e contrarias" aos dereitos destes empregados. Neste sentido referiuse Fernandez á convocatoria de procesos selectivos "sen nin sequera realizar unha inspección para excluír as prazas das persoas en abuso".

"E non conformes con isto, adoptan medidas ilegais para borrar do mapa calquera posto temporal en abuso, como ofertar só as prazas de interinos en fraude en concursos de traslado", engadiu o sindicalista na lectura do manifesto.

Por todo iso, e ante o temor de que se tente "exterminar" os traballadores temporais con procesos de estabilización "que enviarán ao paro a milleiros deles", a plataforma esixiu unha reunión urxente co ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, á vez que ameazou con convocatoria de folga.

Comentarios