Mobilizacións en Ferroatlántica para exixir un plan de viabilidade

Comezan as mobilizacións do persoal de Ferrolterra coa demanda de reunirse coa Xunta e a empresa. 
Concentración de Ferroatlántica (CIG)
photo_camera Concentración de Ferroatlántica (CIG)

Traballadoras e traballadores de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas  iniciaron esta segunda feira 17 de febreiro as mobilizacións "contra os recortes de produción e para exixir un plan de viabilidade", segundo informan. A primeira concentración foi na fábrica de Brens, en Cee, e as protestas repetiranse as segundas feiras alternas.

Alfonso Mouzo, presidente do comité de empresa, explica a Nós Diario que con estas mobilizacións reivindican que volva funcionar o forno 13 e contraten ao persoal eventual que foi despedido con motivo da súa parada. "Ademais aquí en Brens hai paradas de 14 horas e en Dumbría de 10 horas", sinala, "coas consecuencias negativas que esta acción ten para o seu funcionamento". A parada do forno 13 sería unha das razóns de que baixase a produción da empresa durante 2020.

Calendario de accións

As asembleas do cadro de persoal de Ferroatlántica que tiveron lugar a pasada segunda feira nas fábricas aprobaron por unanimidade o calendario de mobilizacións proposto polo comité. Ademais da posta en funcionamento do forno 13 buscan instar á Xunta a que convoque unha reunión a tres bandas (empresa, comité e administración) "na que demandar un plan de viabilidade e que se clarifiquen os termos do contrato de venda", explican. As concentracións realizaranse diante das instalacións de Brens, a partir das 17.15 horas. 

A seguinte será o vindeiro 2 de marzo coa intención de repetir a concentración cada quince días. Ademais, o comité tamén remitiu un escrito a Augas de Galiza para que informe "de todos os procesos administrativos que abrira a raíz da operación de venda que Ferroatlántica acordou con TPG-Ithaka, tal e como se lle solicitou en reiteradas ocasiones", recalcan.

Comentarios