Mobilizacións na Coruña e Xove pola defensa do emprego no sector do aluminio

A defensa do emprego no sector do aluminio mobilizou este sábado na Coruña centos traballadores da planta de Alu Ibérica, que levaron as súas reivindicacións á praza de María Pita, onde reclamaron a intervención pública da planta para evitar o peche. En Xove, comerciantes e empresas impulsaron unha marcha que, de loito e portando cadaleitos, serviu para visualizar a defensa da Mariña pola continuidade da industria do aluminio e contra os despedimentos previstos por Alcoa en San Cibrao (Cervo).
 

2020060617235933511
photo_camera O cadro de persoal de Alu Ibérica (antiga Alcoa) na Coruña mobilizouse para reclamar a intervención pública.

Este sábado, en vésperas da  Mesa Técnica co Ministerio de Industria para avaliar a situación da factoría, prevista para o día 11, os empregados da planta da Coruña avanzaron as súas reclamacións, que pasan por que "o Goberno interveña" no canto de "poñerse de perfil". Así o expresou o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, quen avanzou que se a vindeira quinta feira non hai unha contestación clara por parte do Ministerio de Industria o persoal "tomará a iniciativa para defender os postos de traballo".

Na acción deste sábado, uns 150 empregados concentráronse na praza de María Pita de forma que desde arriba puidese lerse a palabra 'intervención', o obxectivo esencial do que parten.

Segundo avanzou López Corbacho, o persoal seguirá coas mobilizacións no caso de que a reunión do día 11 non acabe por convencer aos representantes dos traballadores: "imos seguir reivindicando esta situación".

Á concentración da Coruña acudiron representantes políticas como a alcaldesa, Inés Rei, ou o número dous do BNG pola Coruña para as eleccións do 12 de xullo, Xosé Luís Rivas, 'Mini', quen  reclamou á Xunta e ao Ministerio de Industria que non permanezan "de brazos cruzados" neste "conflito," do que pode saírse coa "intervención pública que garanta a actividade da factoría e que mantería centos de postos de traballo".

Así, reclamou que se usen "parte dos fondos europeos", uns 1.300 millóns de euros, "para impedir o peche de Alu Ibérica e Alcoa en San Cibrao. Ademais, tamén tachou de " pelotazo" a venda da fábrica ao Grupo Risco e acusou o Goberno do PP de "conivencia" con fondos que despois "non cumpren os seus compromisos".  

A alcaldesa da Coruña, pola súa banda, quixo mostrar o seu apoio aos traballadores da fábrica e asegurou que "o Ministerio de Industria aclarará na Mesa Técnica  as irregularidades na venda da planta ao Grupo Risco".

Na mesma liña, garantiu que Industria "actuará en defensa da viabilidade da factoría" e tamén lle lembrou á Xunta que "ten que asumir as súas competencias neste conflito laboral que afecta seriamente o tecido industrial da Coruña". Neste sentido, pediu "ao señor Feixoo e ao conselleiro de Economía, que está desaparecido neste conflito, que se poñan a traballar para garantir o futuro de tantos traballadores e da industria nesta comarca".

Mobilización en Viveiro

As accións polo futuro industrial na Galiza continúan mañá en Viveiro, cando está convocada unha mobilización do persoal da planta de Alcoa en San Cibrao en defensa do mantemento do emprego e da actividade na factoría de Cervo, fronte á intención da empresa de despedir  534 empregados da planta de aluminio primario.

Comentarios