Mobilizacións en cidades e vilas de Galiza reivindican unha saída á crise “que non pague a clase traballadora”

A derrogación das reformas laborais, a defensa duns salarios e pensións “dignas” ou o reclamo de medidas para a recuperación de industria e emprego; entre as demandas das manifestacións, convocadas pola CIG.

 

cig a coruña-min

A pandemia agravou unha crise que, de non adoptarse as medidas necesarias por parte das Administracións, acabará pagando a clase traballadora. Esa é a denuncia que motivou as mobilizacións que a CIG protagonizou nunha decena de cidades e vilas da Galiza este 1 de decembro.

Mobilizacións que os centos de participantes nas mesmas demandaron a derrogación das reformas laborais, salarios e pensións “dignas” ou a posta en marcha de plans de creación de emprego e recuperación industrial.

‘Forza para avanzar’ foi a palabra de orde destas mobilizacións, coas que, segundo o sindicato, quérese “dar unha resposta contundente” aos “ataques á clase traballadora” e “conquistar políticas alternativas coas que na Galiza poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na Nosa Terra”.

Paulo Carril definiu o diálogo social como "ese gran enterrador de dereitos" fronte ao que chamou a intensificar a mobilización porque "é o único camiño para cambiar as políticas dos Gobernos e para que a negociación colectiva signifique unha restitución e recuperación de dereitos e do poder adquisitivo dos salarios"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na mobilización da Coruña, denunciou que nin os Orzamentos do Estado nin os da Xunta conteñen ningunha das medidas necesarias para afrontar esta profunda crise "que avanza cada día con máis nefastas consecuencias". Advertiu, ademais, que as diferentes reformas lexislativas que se están a aprobar "consolidan a perda de dereitos e confirman que non camiñamos cara a unha saída galega xusta da crise"

Denunciaba Carril esta semana esta semana que a “imparábel escalada da factura eléctrica está a provocar estragos nas economías familiares, na actividade económica e na industrial, mentres o oligopolio enerxético acumula cada vez máis beneficios”. Unha situación que está provocando o incremento dos prezos de todos os produtos, nomeadamente dos básicos: a bolsa da compra ou a gasolina que son precisamente os que consume a clase traballadora.

Entrementres, sinalou, os salarios non soben na mesma medida, o que, segundo Carril está a colocar nunha “situación crítica” á xa empobrecida clase traballadora, “facendo máis real que nunca aquilo de que ter un traballo non garante unha viva digna”.

A CIG vén demandando a derrogación da reforma laboral desde que se aprobou. Porén, e malia as promesas do Goberno de coalición, indica a central, segue vixente “mentres se monta un paripé mediático para manter despois os seus aspectos máis lesivos, cumprindo así os requisitos impostos pola UE para poder acceder aos famosos fondos Next Generation, que están pensados ademais para destinar ás empresas e non ás persoas”, denuncia o secretario xeral da CIG.

Carril advirte tamén de que a reforma das pensións, en proceso de tramitación no Congreso, non só non derroga as de 2011, do PSOE, e 2013, do PP, senón que reafirma as daniñas medidas que “precisamente están a provocar que en Galiza miles de persoas xubiladas e pensionistas cobren pensións de miseria”.

Comentarios