luns 23/11/20

Mobilización denuncia a “ofensiva” de Inditex para recortar dereitos laborais e salariais nas contratas

CIG advirte da inquedanza entre o persoal.
Imaxe de arquivo dunha mobilización de persoal
Imaxe de arquivo dunha mobilización de persoal

CIG denuncia que o grupo de Inditex aproveita o contexto de crise derivada da pandemia de Covid-19, para unha “ofensiva para recortar os dereitos laborais e salariais que os traballadores e as traballadoras das súas contratas conquistaron tras anos de loitas sindicais”.

A central pon como exemplo deste proceder o que sucede co persoal da empresa que realiza o mantemento eléctrico das instalacións de Inditex no Polígono de Sabón, Sarpel, “que leva moitos anos prestando este servizo e que debería formar parte do cadro de persoal da principal”.

Así, sinala a central, Inditex tería dadoorde a esta empresa de que rotara este persoal por outros servizos da empresa, “co único obxectivo de que non consoliden dereitos, non poidan reclamar melloras laborais e salariais e aforrar cartos deste modo”.

Así, asegura, “dun día para outro, Sarpel comunicou a 5 traballadores que lles baixaba o soldo en 400 euros (que perciben en concepto de dietas pero que están incluídas na nómina) e o traslado, ademais, dun destes operarios a Asturias e o desprazamento doutro compañeiro”. O que se fixo, mantén o sindicato, sen abrir sequera a negociación “para unha modificación substancial das condicións laborais, como sería preceptivo”.

“Cando o traballador rexeitou ir a Asturias por motivos de conciliación familiar, a resposta de Sarpel foi despedilo de maneira fulminante e cun claro carácter exemplificador para o resto do persoal, tanto desta auxiliar como do conxunto de empresas que traballan para Inditex”, asergura a central nacionalista.

Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, apunta que “non estamos ante un proceso de redución de persoal nin de baixada da carga de traballo, xa que Sarpel meteu ao instante a dúas persoas para ocupar o lugar do traballador despedido e do desprazado, pero afondando na precarización destes postos xa que non os contratou directamente, senón que están por unha subcontrata“.

Pérez destaca o medo que existe entre os traballadores e traballadoras a que este tipo de prácticas se estenda ao resto de contratas, e así se evidencia “nas máis de 250 sinaturas solidarias que o persoal de Sarpel recolleu entre os compañeiros e compañeiras desta empresa e doutras auxiliares”.

comentarios