Primeiro de Maio

Milleiros de persoas maniféstanse en Galiza para “recuperar dereitos”

As traballadoras e traballadores queren pasar á ofensiva logo de anos de ataques neoliberais. Así o expresaron hoxe nas ducias de manifestacións que percorreron as rúas de Galiza. A de Vigo convocada pola CIG foi das máis numerosas.
 

Primeiro de Maio CIG.
photo_camera Imaxe da manifestación da CIG en Vigo este Primeiro de Maio. Foto: CIG.

Nunha xornada de sol, milleiros de persoas responderon ao chamado da central nacionalista para “recuperar dereitos”. O seu secretario xeral, Paulo Carril, explicouno na alocución final. “A mobilización é o camiño para recuperar os dereitos e avanzar, para que na Galiza teñamos emprego, salario e pensións dignas”, afirmou, “porque a loita e o conflito son o factor clave para forzar un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise”.

Non poucos deses conflitos no mundo galego do traballo apareceron na intervención de Carril. Alcoa, Ferroatlántica, os supermercados Día, Poligal, Pili Carrera, Citroën ou os centros de chamadas Bosh serviron de exemplo da “situación de emerxencia nacional e social de Galiza” e do “desmantelamento industrial do país”. Eis as políticas neoliberais, veu dicir, “desta economía especulativa, esmagadora do tecido produtivo”. O resultado, peches, deslocalizacións, ERTE, despedimentos.

O debuxo de Galiza que pintou Paulo Carril en Vigo correspoóndese, asegurou, cos datos que ofreceu a enquisa de poboación activa do primeiro trimestre de 2019. “As cifras viñeron confirmar o descenso da ocupación activa por causa da emigración e do avellentamento da poboación, o aumento da poboación asalariada con contratos temporais ou a tempo parcial, o crecemento do desemprego de longa duración e dos fogares sen ingresos e unha mocidade sen futuro”, expuxo.

O líder da central nacionalista realizou ademais unha dura crítica ao Goberno español do PSOE que, ao seu ver, “mantivo as políticas impostas polo PP durante estes dez meses”. Para Carril, “unha combinación explosiva dun sistema económico marcado pola Unión Europea e do modelo de relacións laborais das reformas aprobadas en 2010 e 2012, un verdadeiro golpe de Estado aos dereitos laborais”.

O Executivo de Feixoo tampouco librou das críticas da CIG. “Agóchase tras un discurso aparentemente crítico co Goberno español mais actuando con submisión e pasividade, aplaudindo as políticas neoliberais”, dixo, “promvendo privatizacións e recortes ou o espolio dos recursos”.

O panorama descrito levou a Carril a unha conclusión: a iniciativa mobilizadora, como no 8 de marzo ou na defensa da sanidade pública e a dignidade das pensións, é a única saída para as traballadoras e traballadores galegos. “Que ninguén se engane, os dereitos non veñen do diálogo social, non os concede ningún goberno porque si, e menos os que están ao servizo do capital”, concluíu, “cómpre forzar os cambios necesarios para conquistar as políticas alternativas para termos na Galiza emprego, salarios e pensións dignas”.

primeiro de maio cc oo ugt

Comisións e UGT, polo “xiro social”

Cun chamado a que “a loita continúa” e detrás dunha pancarta que rezaba “primeiro as persoas” decorreu a manifestación central convocada conxuntamente por Comisións Obreiras e UGT na Coruña. A súa esixencia principal, a necesidade dun “xiro social” nas políticas gobernamentais máis dunha década despois do estalido da crise neoliberal.

Milleiros de persoas secundaron unha mobilización en que se berrou a prol do público e contra do privado, e algúns dos conflitos máis agudos do mundo do traballo en Galiza estiveron presentes. Foi o caso de Alcoa ou Isowat. “Menos corrupción e máis educación”, foi outra das consignas repetidas polos manifestantes.

O secretario xeral de CC OO en Galiza, Ramón Sarmiento, cargou contra “as políticas de redución de dereitos” e pediu que se regrese “á lóxica de pactar as políticas para consolidar desde o minuto un os dereitos sociais”. O seu homólogo de UGT, José Antonio Gómez, expresouse en termos semellantes, lembrou as eleccións do pasado domingo -“falaron as urnas votando a esquerda”- e referiu a necesidade de “recuperar dereitos, máis igualdade e máis cohesión social”.

primeiro de maio cut cgt

“Tolerancia cero” coa sinistralidade labora, mil euros mensais como salario mínimo ou a “mellora” dos dereitos dos autómos foron outras reclamacións sindicais.

Os outros sindicatos: “Sen loita non hai dereitos”


Tamén en Vigo transcorreu a convocatoria de CUT, a CGT -de orixe anarcosindicalista-, o STEG -central sectorial do ensino- e o Sindicato Ferroviario. “Sen loita non hai dereitos”, dicía a pancarta. O manifesto da CUT, titulado Imos ser os ríos que desbordarán, invocaba a “forza popular da clase obreira para conquistar os seus dereitos, ser donos do medios de produción e do seu destino”.

A histórica CNT anarcosindicalista tamén se manifestou en Compostela.

Nota: imaxe da manifestación de Comisións e UGT na Coruña e da CUT, CGT, STEG e Sindicato Ferroviario en Vigo.

Comentarios