Milleiros maniféstanse coa CIG no 1º de maio ''polo emprego e contra a explotación''

Doce manifestacións decorreron noutras tantas cidades e vilas do país convocadas polo sindicalismo nacionalista neste Día internacional da clase traballadora. A denuncia dunha realidade ''que Feijóo quer ocultar con propaganda e mentiras'' foi un dos eixos das marchas.

cigvigo

Milleiros de persoas tomaron parte este 1 de Maio nas manifestacións convocadas pola CIG en cidades e vilas de Galiza. Un total de 12 mobilizacións, sendo a central a de Vigo, onde media hora antes do seu inicio (12:30) A Doblada xa estaba ateigada de xente.

Nesta manifestación do sindicalismo nacionalista na cidade olívica houbo milleiros de persoas (máis de 20.000 segundo fontes da central) e dous rostros especiais: O histórico representante do movemento antiglobalización Jose Bové e o capitán do 25 de Abril, Durán Clemente. Sumáronse, como o resto, a unha marcha que decorreu baixo o lema 'Contra a explotación e a pobreza, fagámoslle fronte á UE. Organización, loita e soberania'.

Vigo, unha multitude para dicir abonda xa á explotación

Paro,emigración, pobreza.. as marchas foron unha denuncia e unha exixencia de solucións fronte as realidades do país que, sinalou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, Feijóo se empeña en ocultar con mentiras.

Seixo incidiu na necesidade de conquistar un novo modelo socioeconómico. “Hoxe máis ca nunca reafirmámonos na reivindicación e no compromiso por un novo modelo económico e social máis xusto e solidario”. Denunciou tamén o contexto de estrema dureza ao que se enfronta a clase obreira nun momento no que o capital está a aproveitar a súa propia crise e a situación de debilidade do movemento obreiro e das forzas de esquerda para afondar e fortalecer o actual modelo de capitalismo neoliberal.

A Coruña: "defender o pobo contra o roubo de dereitos"

Máis de 10.000 persoas asistiron á mobilización da CIG. O secretario comarcal, Xabier Filgueira, alertou do perigo de que a cidade e a comarca acaben sendo "un deserto industrial" por mor das políticas e deicións do PP. Sinalou na súa intervención que o que se está a vivir "é unha estafa social" na que se fai mester "defender o pobo" fronte un constante "roubo de dereitos".

Na mobilización houbo unha emotiva lembranza a 'Paio', falecido recentemente, e que fora un dos impulsores do sindicalismo nacionalista e primeiro secretario comarcal da CIG.

Ferrol, o naval como exemplo 

Na marcha da central nacionalista en Ferrol tomaron parte varios milleiros de persoas (algunhas fontes sindicais apuntaban a máis de 3.000, mais facíano como cálculo persoal). A difícil situación da comarca, a que maior desemprego ten do país", lembrou o co-voceiro comarcal Manuel Grandal, protagonizou a manifestación. Con especial atención para o naval.

Un grupo de persoas, convocadas pola Marcha da Dignidade, rodearon a Casa do Concello de Ferrol, unha acción que pretenden manter o longo de toda esta xornada do 1º de Maio.

Compostela, Ourense, Pontevedra e Lugo, polo Traballo digno na propia Terra

A CIG tamén se mobilizou en Compostela (por volta de 2.000 persoas), Pontevedra, Lugo e Ourense. Marchas con participación de traballadores de empresas en loita. O secretario comarcal de Compostela, Anxo Noceda, defendeu o dereito a ter un traballo digno na propia Terra e criticou con dureza a Feijóo polo ''desprezo'' que amosa coas persoas en desemprego.

Das Rías Baixas até as Rías Altas

Mais as mobilizacións da central nacionalista neste 1º de Maio non se limitaron ás principais cidades. Vilagarcía de Arousa, Cervo, A Estrada e Ribeira foron escenario das respectivas manifestacións, nas que as problemáticas e necesidades das diferentes comarcas estiveron presentes.

Fotos Vigo (portada e interior arriba): CIG

Foto Ferrol (interior medio)l: Suso Pazos

Comentarios