Milleiros desfilan pola Coruña contra o peche de Alcoa

Milleiros de persoas manifestáronse na mañá deste domingo na Coruña en contra do peche das plantas de Alcoa, multinacional dedicada ao aluminio.
 

manifestación Alcoa
photo_camera Manifestación contra o peche de Alcoa na Coruña este domingo 13 de xaneiro. Foto: CIG

A marcha iniciouse ás doce da mañá na Praza da Palloza e rematou perante a Delegación do Goberno. Unha gran pancarta coa palabra de orde “Alcoa déixanos sen futuro” e portada por cativos abriu o paso ao desfile de traballadores, cidadanía e representante dos catro partidos con escanos no Hórreo. O alcalde da cidade, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) tamén asistiu.

Os manifestantes esixiron aos gobernos galego e español que procuren unha solución para evitar os despedimento dos obreiros das factorías. “A inquedanza é moi grande e é normal que a xente exprese o seu anoxo co que sucede”, expuxo o presidente comité de empresa Juan Carlos López Corbacho. De non haber solución gobernamental, a multinacional iniciará os despedimentos o 15 de xaneiro.

“Hai moito apoio político e moi boas palabras pero ao final non se define unha aposta do Goberno”, engadiu López Corbacho, quen afeou ao Executivo de Pedro Sánchez que estea “contemplativo”. A nacionalización das dúas plantas -a da Coruña e a de Avilés, en Asturies- ou a busca de investidores que se fagan cargo son as dúas vías que a representación sindical entende que pode transitar o Goberno central.

“Non sabemos a que agarda o Goberno para tomar unha decisión valente. Somos o metal do futuro”, sinalou. O 15 de xaneiro, terza feira, Alcoa fará efectiva a súa proposta: manter 200 postos de traballo en Avilés e na Coruña e despedir o resto, máis 350 persoas.

En Marea e BNG


Os líderes dos grupos da oposición no Hórreo amosaron a súa solidariedade coa loita dos traballadores. Para Luís Villares, portavoz de En Marea, Alcoa “debe paralizar o ERE anunciado e permitir así seis meses para negociar a viabilidade da empresa cun inversor. E o Goberno do Estado ten que se implicar activamente na busca dese inversor e, ao tempo, empregar a Sociedade Española de Participacións industriais e poñéndose na posición de antigo propietario no caso de que decida non continuar”.

Ana Pontón, a líder do BNG, considera ademais unha “tomadura de pelo” que Xunta e Ministerio de Industria avalen “o despedimento barato de 400 traballadores e traballadoras da factoría”. “Xunta e Goberno central son responsábeis de non se poñer á fronte dunha estratexia que permita recuperar o futuro de Alcoa, que é viábel, só cómpre vontade política”, dixo, “hai unha proposta sobre a mesa para que o Estado interveña nas fábricas e leve adiante o proceso de venda”.

Comentarios