Miles de persoas mobilízanse coa CIG nun Primeiro de Maio que pon data á greve xeral: 19 de xuño

A central nacionalista convocou 13 manifestacións en cidades e vilas do país, marchas nas que tomaron partemiles de persoas baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. Un Primeiro de maio que ten un horizonte: a greve xeral do 19 de xuño.

Manifertacion CIG Vigo
photo_camera Manifestación en Vigo da CIG.

De Ourense a Ribadeo, de Cee á Coruña, Compostela, Ribeira ou Lugo. Miles de persoas tomaron parte nas 13 mobilizacións convocadas pola CIG neste Primeiro de Maio e que tivo a súa marcha máis multitudinaria en Vigo, onde unha maré percorreu algunhas das arterias da cidade olívica para denunciar o empobrecemento e precariedade, así como exixir salarios e empregos dignos. Todo nunha xornada marcada polo anuncio de greve xeral, o vindeiro 19 de xuño. Nas mobilizacións tamén estiveron presentes representantes de organizacións políticas como BNG e En Marea, cos seus portavoces nacionais, Ana Pontón e Luis Villares –que tamén estivo na de CCOO e UXT-como principais representantes.

A data da greve non é fechada. Carril abriu a porta a consensuar outro día no caso de que o resto de sindicatos se sumen á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa

"Contra o goberno, contra o capital, folga xeral", "Contra o paro, loita obreira" ou "Nin pacto social nin reforma laboral" foron algunhas das palabras de orde que as persoas manifestantes corearon nas mobilizacións da CIG, así como o de "Queremos traballar e non emigrar" ou "Traballo digno na nosa Terra" ou "Non é non, goberno demisión!". A loita feminista e a das pensionistas, así como a de diferentes sectores en conflito laboral, tiveron un protagonismo especial nas mobilizacións da central nacionalista.

Pensionistas, traballadoras da conserva, traballadores de telemarketing, mariñeiros, persoas no desemprego, estudantes, electricistas, opositores, empregados públicos, asalariados na construción... As manifestacións da CIG reflectían a propia heteroxeneidade do mundo do traballo de Galiza e da sociedade galega. Estes anos de discurso de “recuperación económica” baten cunha realidade na que a poboación ocupada descende, os salarios devaluáronse en máis de 11%, os beneficios empresariais aumentaron e a temporalidade (por riba de 26% é canda Polonia das máis altas da Unión Europea.

“Intensificar a mobilización”

A CIG defende neste Primeiro de Maio “intensificar as mobilizacións” de cara á greve xeral que convoca para o 19 de xuño, un paro que sitúan como a resposta necesaria por parte da clase traballadora. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, emprazou CCOO e UXT a se sumar a este paro, "a que estean á altura das circunstancias", e a que mesmo o paro "sexa no conxunto do Estado" español. A data da greve non é fechada. Carril abriu a porta a consensuar outro día no caso de que o resto de sindicatos se sumen á iniciativa opten por propoñer unha data alternativa

O máximo responsábel da CIG lembrou que a central fai este chamamento de greve xeral “porque estamos convencidos de que estas políticas podémolas cambiar, debémolas cambiar, e porque temos moi presente que os dereitos non se regalan, non se compran, nin veñen do pacto social: os dereitos conquístanse coa loita e a mobilización; e é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”. 

Comentarios