Miles de mozos galegos engrosan as listas de parados de longa duración

Máis de 10.000 mozos e mozas levan máis dun ano na procura de emprego na Galiza.

 

mocidade (Arxina)
photo_camera (Foto: Arxina)

O mercado laboral na Galiza non era precisamente terreo cómodo para a mocidade. Eles e elas rexistraban salarios máis baixos e temporalidade e precariedade máis altas que o resto de traballadores e traballadoras doutras franxas de idade. A irrupción da pandemia polo coronavirus non fixo senón agravar a situación e alargar aínda máis as fendas existentes no mercado do traballo.

Un dado que exemplifica esa situación é que na Galiza hai máis de 10.000 mozos e mozas galegas que levan máis dun ano na procura de emprego. Son persoas novas, menos de 35 anos, mais que xa fan parte das paradas de longa duración.

Evolución

De compararmos a evolución da situación do desemprego entre os anos 2019 e 2020 observamos como se produce un importante aumento de persoas desempregadas menores de 35 anos en termos absolutos, 7.300. 

O 43% das persoas asalariadas menores de 35 anos teñen un contrato temporal, cando no total de idades esta porcentaxe é do 22%

Por tramos de idade, dentro do colectivo da mocidade, o que presenta un maior volume de persoas en situación de desemprego é o das mozas e mozos de 25 a 29 anos, 19.300; seguido do de 30 e 34 anos que conta con 15.900 persoas no paro, segundo os dados dun estudo elaborado por CCOO.

Pero se ademais de analizar a poboación en situación de desemprego, temos en conta a evolución da poboación activa (que inclúe ocupados e desempregados) obsérvase unha forte caída, 27.100 persoas menos entre as mozas e mozos nun ano. 

Polo que aínda máis que a afectación do desemprego, é moi alarmante a caída da actividade entre estas idades así como o incremento da poboación inactiva (24.300 persoas menos).

No que respecta á poboación ocupada (a que ten emprego remunerado), hai na Galiza 199.700 persoas menores de 35 anos, o que supón unha contracción con respecto a hai un ano de 34.500 persoas, chamando a atención o descenso de 13.600 no tramo de 25 a 29 anos.

As persoas menores de 25 anos perciben de media ao ano un salario de 12.417 euros, fronte aos 24.009 euros que perciben o conxunto das idades: unha fenda salarial do 48,27%

 A pandemia afectou fortemente á ocupación das persoas menores de 35 anos máis acusadamente que ao conxunto de idades, 4,4% de caída no total de idades e 14,7% nas persoas menores de 35 anos.

Paro

A taxa de paro xuvenil (menores de 35 anos) sitúase no 20,6% (e a menor idade maiores niveis presenta, chegando ó 47,9% entre os 16 e os 19 anos), dato que contrasta co 11,9% da taxa de paro de toda a poboación neste ano, sendo 8,7 puntos superior (no segundo trimestre do ano anterior o diferencial era moito menor, 4,7 puntos).

Temporalidade

Nesta mesma liña está a temporalidade.  A pandemia expulsou un gran número de persoas empregadas con contrato temporal, e aínda así as porcentaxes de temporalidade son moi altas. O 43% das persoas asalariadas menores de 35 anos teñen un contrato temporal, cando no total de idades esta porcentaxe é do 22%, xa de por si elevada.

Isto, en parte, explica a maior afectación da xuventude nesta situación de crise motivada pola COVID-19, porque foi o emprego temporal o máis afectado.

Ademais da temporalidade, o 34% dos contratos das persoas novas teñen unha duración inferior a un ano e tan só o 4% manifesta ter un contrato dunha duración superior aos tres anos.

Salario

Ao final todas estas variábeis tradúcense en precariedade laboral e en salarios máis baixos. As persoas menores de 25 anos perciben de media ao ano un salario de 12.417 euros, fronte aos 24.009 euros que perciben o conxunto das idades, o que supón unha diferenza de 11.590,14 euros e da lugar a unha fenda salarial do 48,27%. 

As persoas de entre 25 e 34 anos cobran ao ano de media 19.350,14 euros, 4.658,98 euros menos que o conxunto das idades, cunhafendasalarial do 19,4%.

Comentarios