Día da Clase Obreira Galega

Miles de persoas mobilízanse alentadas polo espírito do 8M e a memoria de Amador e Daniel 

Ferrol e Vigo foron os cenarios das mobilizacións do Día da Clase Obreira Galega, moi marcadas no anímico -cunha atmosfera social de renovado optimismo- polo histórico suceso da greve das mulleres do 8M. 

Ferrol1
photo_camera Cabeceira da marcha da CIG en Ferrol

Miles de persoas tomaron parte nas marchas convocadas este 10M en Ferrol e Vigo -a CIG por un lado e as organizacións galegas dos sindicatos estatais CC OO e UXT polo outro-. Fixérono aínda baixo os estimulantes efeitos das multitudinarias manifestacións do Día Internacional das Mulleres.

"Estamos aquí, con toda a forza que nos dá a folga de mulleres do pasado 8 de marzo", declarou aos meios Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sindicato que convocou este 10M baixo a palabra de orde de Pola recuperación de Dereitos. Na Galiza salarios, emprego e pensións dignas. O mellor tributo que se pode render a Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores asasinados pola policía franquista en 1972 no curso dunha manifestación en Ferrol, é continuar co seu exemplo e defender "através da loita obreira" a recuperación dos dereitos perdidos durante a crise. 

A CIG duplicou mobilizacións. Non só estivo en Ferrol -onde reuniu un milleiro de persoas-, senón que tamén convocou en Vigo, onde concentrou por volta de 1.500 traballadoras e traballadores.

cc oo

Por súa parte, CC OO e UXT marcharon conxuntamente, en Ferrol, baixo a advocación do lema A ofensiva contra a precariedade. En declaracións á imprensa, o secretario xeral de CC OO de Galiza Ramón Sarmiento reclamou unha mudanza das políticas en curso para pór fin á "fenda salarial" -reivindicación do movimento feminista- e tamén para acabar "coa precariedade que sofre a xente moza". Sarmiento advogou por unha mudanza no "modelo de crecimento" que permita recuperar tamén cidades e comarcas moi castigadas pola crise como Ferrol e Ferrolterra.

De por parte, a CUT comemorará este 10M cunha concentración en Vigo esta tarde a partir das 18 horas. Será perante o Monumento ao Traballo, na Gran Vía. O acto contará coa participación do músico e escritor Leo Arremecághona.

Nota: As imaxes están tiradas das contas twitter de CIG e CC OO de Galiza

Comentarios