O mesmo traballo, con menos persoal en Alcoa

O comité acusa a dirección de Alcoa de minar na moral dos traballadores de San Cibrao
Alcoa (comité)
photo_camera Unha protesta ás portas de Alcoa. (Foto: Comité)

O presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, acusou hoxe á dirección de tentar minar na moral dos traballadores que, di, sofren "ataques psicolóxicos" por parte da multinacional.

O cadro de persoal, en folga desde o pasado 4 de outubro após anunciar Alcoa o inicio das xestións para un despedimento colectivo na planta de aluminio primario, seguirá adiante coas súas reivindicacións, advertiu Zan, que asegura que seguen "pendentes desa loita, sabendo o que nos estamos a xogar".

"Somos conscientes de que a empresa tenta facer mella na nosa moral e atacarnos psicoloxicamente", recoñece o representante dos traballadores, que lembra que non se convocan encontros entre as partes para solucionar o problema, reunións "que antes tiñamos a diario e agora levamos seis meses sen ter".

Zan indicou tamén que, a pesar da folga, seguen producindo aluminio. "O que temos claro é que non podemos parar a planta, as folgas sempre foron así", lembrou.

Pola contra, denuncia que o comedor da empresa permanece fechado e que non se están a renovar os contratos coas empresas de traballo temporal, o que supón "facer o mesmo traballo con menos persoal". 

Sen noticias das Administracións

O presidente do comité informa de que continúan "sen noticias de ningunha das partes", tanto dos Gobernos galego e español como da multinacional estadounidense, sobre o futuro da planta. "Parece que están a esperar ao que aconteza no xuízo e a ver se nós morremos no intento, que é xa o que queda", indicou.

"Sabemos que os tempos políticos non son os nosos. O que non entendemos é que se estea a falar de posíbeis axudas a Alcoa ou doutras parecidas que non van solucionar o problema. Ao final imos morrer por inanición", concluíu Zan.

Comentarios