UN MERCADO DE TRABALLO CADA DíA MáIS ENVELLECIDO

A perda de poboación activa na Galiza atinxe en maior medida as persoas menores de 35 anos

No ano 2010 as persoas menores de 35 anos representaban o 31% das ocupadas; a finais de 2015, o 24%. Unha queda de 7 pontos en apenas cinco anos.

traballo factoría obreiro CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola
photo_camera Foto: CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola

Na Galiza perdemos poboación activa desde hai tempo, unha situación que se agravou pola crise, que ao decremeneto vexetativo engadiu un aumento dos fluxos de emigración. Desde o 2012, esa perda de poboación activa é “colosal” e “moi grave”, como a cualifica a CIG no seu informe sobre o mercado de traballo 2015. A idade onde se produce esta queda é na poboación máis nova, con todo o que iso implica.

A poboación activa é a máis importante do mercado de traballo, lembra o sindicato nacionalista, xa que acolle as persoas ocupadas máis as paradas “Isto é, a forza laboral dun país. Canto maior sexa a proporción de poboación activa con respecto á total, máis “equilibrado” é o mercado laboral, e, xa que logo, a economía, posto que menor é a proporción de dependentes, de poboación inactiva”.

En 2015 medrou a ocupación na Galiza en 19.200 persoas ocupadas de media. Mais entre os menores de 35 anos a ocupación continuou descendendo

Nestes cinco anos a perda de poboación activa foi de 43.700 persoas, unha importante queda que atinxe nomeadamente a menores de 34 anos. Entre eles, o descenso desde o ano 2010 foi 104.700 persoas, segundo o mencionado informe. “A partir desta idade incrementouse; é dicir, o mercado laboral segue reducíndose e envellecendo, xa que cada ano que pasa aumentan a proporción dos maiores de 34 anos con respecto do total. No último ano -2015- descendeu a poboación activa en 13.200; se nos centramos nas persoas menores de 34 anos, o descenso foi de 22.600 persoas. A perda de poboación é o factor máis determinante na perda de poboación activa, pero o sexo, o nivel formativo, a idade… tamén teñen importancia, especialmente o nivel académico. Como vemos na táboa seguinte, a taxa de actividade varía moito dependendo deste”.

Franxa de idade

En 2015 medrou a ocupación na Galiza en 19.200 persoas ocupadas de media. Mais entre os menores de 35 anos a ocupación continuou descendendo: exactamente en 6.000 persoas ocupadas menos. “Se nos retrotraemos ao ano 2010, son perto de 100.000 os ocupados menos nesta franxa de idade”.

Así pois, está envellecendo o mercado de traballo en Galiza a pasos de xigante. No ano 2010 as persoas menores de 35 anos representaban o 31% das ocupadas; a finais de 2015, o 24%. Unha queda de 7 pontos en apenas cinco anos.

Comentarios