O mercado laboral dificulta á mocidade acceder a unha pensión digna no futuro

A vida laboral da xuventude chegará de media aos 34,8 anos cotizados, o que non lles dará dereito a cobrar o 100%
O acceso ao mercado de traballo e a precariedade do emprego condicionará a vida laboral das futuras persoas cotizantes (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera O acceso ao mercado de traballo e a precariedade do emprego condicionará a vida laboral. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Unha persoa que en 2020 tivera 15 anos terá unha vida laboral de 34,8 anos, segundo o informe Focus on Spanish Society elaborado por Funcas a partir dos datos de Eurostat. A duración esperada é seis anos inferior á dos Países Baixos (41 anos) e catro en relación a Alemaña (39,1 anos). 

Esta circunstancia xoga en contra dos seus intereses de cara a cobrar unha pensión digna no futuro, xa que na actualidade son necesarios 38 anos de cotización para percibir a totalidade da pensión, unha situación que, á vista dos datos, penaliza as mulleres, cunha esperanza laboral media de 32,6 anos, case seis menos dos que precisan para gozar da totalidade da pensión.

Segundo explica a Nós Diario o sindicalista e economista Xabier Pérez Davila, o problema das pensións futuras está no mercado de traballo, que "é incapaz de dar emprego a todas as persoas que o necesitan". 

Esta situación leva a que a xente nova teña carreiras de cotización curtas e con salarios moi baixos, por iso entende que a prioridade das Administracións debería ser a creación de emprego de calidade "en sectores que sexan social e ecoloxicamente útiles".

Porén, denuncia que na actualidade segue a primar un modelo no que ten moito peso o turismo, a construción de infraestruturas "e que tende a concentrar en Madrid a actividade económica e os postos de traballo de máis calidade".

Tamén está o feito de que as empresas intentan contratar coas condicións salariais máis baixas posíbeis e valéndose dos contratos de formación e de prácticas  para cubrir as súas necesidades, apunta Pérez Dávila, que cre que o Goberno español está a lanzar a mensaxe de que as pensións no futuro van ser máis reducidas.

"O que se lle propón á xente nova é complementar a súa pensión cun fondo de pensións privado, pero isto é moi contraditorio, porque se unha persoa non cobra un salario suficiente para ter unha boa base de cotización e se espera que pase por etapas de paro e precariedade laboral, como pretende que achegue fondos a ese complemento privado, pregúntase o economista, para quen esta estratexia só serve para xerar "unha fonte extraordinaria de beneficios para os bancos, as aseguradoras e os fondos de investimento".

Mecanismo de equidade

O Executivo estatal, que vén de aprobar con críticas os primeiros cambios no actual sistema de pensións, ten aínda por diante a confección do mecanismo de equidade interxeracional, que permitirá facer fronte ao pagamento das pensións da chamada xeración do baby boom sen cargar o peso das mesmas na cotización da xente máis nova.

Neste senso, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, afirmou que as pensionistas poden ter a tranquilidade de que o Goberno e os axentes sociais farán sostíbel o sistema para que tanto as pensionistas de agora como as do futuro teñan garantida a súa pensión.

"Isto é o importante e no que hai que traballar con calma, sen presións e dando tempo", incidiu Montero, que cre que "se traerán bos froitos despois deste diálogo", que ten como data límite o 15 de novembro.

Comentarios