Menos salario e menos horas de traballo após as reformas laborais

Galiza sitúase como o cuarto territorio co salario hora máis baixo do Estado. Ao tempo, o número de horas efectivas de traballo tamén se reduce, o que atinxe as pensións a longo prazo.

salario-minimo-2014

A Enquisa Trimestral de Custo Laboral relativa ao segundo trimestre de 2014 reflicte a queda dos salarios no noso país e a redución do número de horas traballadas, unha consecuencia da maior flexibilidade interna aprobada coa reforma laboral de 2012. Salienta que a enquisa exclúe @s traballador@s do sector primario e o traballo doméstico.

Neste senso, Galiza sitúase como o cuarto territorio do Estado español con menor salario á hora --só detrás de Estremadura, Murcia, Balears e Canarias. Isto é, 10,94 euros fronte os 12,44 euros da media estatal. Esta cifra supón un 2,8% máis que no primeiro trimestre de 2014. 

A curto prazo, isto acrecenta a precariedade laboral. Porén, advirten as centrais sindicais, a queda dos salarios sumada á redución do número de horas efectivas traballadas, atinxe de facto as pensións nun plano longo-pracista. Cumpre lembrar, que Galiza é o territorio do Estado coas pensións máis baixas --após Estremadura. 

As empresas declaran vacantes pouco máis de 1.400 postos de traballo fronte as máis de 250 mil persoas desempregadas

"Se esta diferenza salarial actual se mantén ou agudiza, como neste momento, nun futuro a situación dos pensionistas vaise agravar", sinalan desde a CIG. E é que as horas de traballo reducíronse tanto para os contratos a tempo completo como a tempo parcial, e mantense á baixa desde o ano 2008, a excepción dun leve repunte o pasado ano. 

Aliás, a Enquisa de Custo Laboral cifra en 1.450 o número de postos de traballo vacantes, o menor desde o terceiro trimestre de 2013. É dicir, aqueles que as empresas declaran disponíbeis e dispostas a cubrir. Un feito que contrasta co número de persoas desempregadas que se rexistraron no Servizo galego de emprego no último mes de setembro (máis de 250 mil persoas). 

Comentarios