ALCOA TAMéN ANUNCIOU DESPEDIMENTOS VENCELLADOS á TARIFA ELéCTRICA

Megasa propón un despedimento colectivo na súa fábrica de Narón

A siderúrxica conta na vila cun cadro de persoal de 170 persoas.

Megasa Galicia ártabra
photo_camera [Imaxe Galicia Ártabra Dixital]

A siderúrxica Megasa solicitou esta cuarta feira ao comité de empresa a designación de membros para unha comisión negociadora na que, segundo adiantou, proporá un despedimento colectivo, así como modificación das condicións laborais do resto do cadro de persoal da súa fábrica en Narón, formado por unhas 170 persoas

A comunicación prodúcese uns días despois da subasta da interrumpibilidade á que concorreu a factoría do grupo galego e da que os propios representantes sindicais non teñen practicamente información ningunha. A interrumpibilidade é un mecanismo deseñado no Goberno de Rodríguez Zapatero polo cal se subvenciona aos grandes consumidores eléctricos, isto é, a industria, por se comprometer a paralizar a produción e desconectarse da rede no caso de que a demanda eléctrica doméstica supere á oferta. Esta ferramenta permite á firma naronesa ingresar máis de seis millóns de euros anuais. 

A medida suporá o despedimento de cando menos 17 persoas e súmase ao anuncio de Alcoa que xa está a desmantelar a planta

Non se coñecen máis detalles acerca das intencións da empresa, mais o que si se sabe é que a medida suporá o despedimento de cando menos 17 persoas. Hai que lembrar, ademais, que a vixencia do convenio colectivo actual remata o 31 de decembro e que isto, unido ao resultado da poxa eléctrica, podería estar detrás do anuncio de Megasa, que tería a escusa perfecta para acometer unha nova redución de persoal, a segunda nos últimos anos –a fábrica chegou a ter 235 empregados-.

Megasa produce en Xuvia barra de aceiro para o sector da construción que, logo da crise no mercado español, se destina principalmente á exportación cara ao norte de África. Entre o aceiro que se embarca e a ferralla que se importa, a actividade de Megasa supón entre o 7% e o 10% do tráfico portuario de Ferrol. 

A decisión de Megasa súmase ao despedimento colectivo anunciado tamén por Alcoa que abandona a súa planta da Coruña por mor das perdas vencelladas ao prezo da enerxía. 

comentarios