As que teñen que traballar: sen medidas de prevención nin confinamento

A industria e o comercio de primeira necesidade concentra o volume máis alto de traballadoras libre de confinamento. Tendeiras, sanitarias, traballadoras sociais, repartidoras, operarios da construción. A decisión de manterse nos seus postos de traballo de forma presencial non sempre lles corresponde. Moitas comezaron a denunciar falta de prevención, ademais do afán das empresas de privilexiar o cliente, a produción ou o beneficio propio por riba da saúde propia e comunitaria.
hado traballadoras coronavirus sanitarias
photo_camera Son moitas as traballadoras que día a día fican expostas ao coronavirus (Arxina).

Miles de traballadoras están chamadas a cumprir coa súa xornada laboral na Galiza malia a declaración do estado de alarma e a entrada en vigor das medidas adoptadas polas Administracións. Ao mesmo tempo que comezou un confinamento inicial de 14 días para a maioría da poboación empezaron proliferar as denuncias de sindicatos e persoal laboral ante a falta de medidas de prevención e o risco de contaxio por coronavirus en numerosos espazos de centros de traballo.

Moitas empresas non están obrigadas a pechar e as direccións decidiron seguir adiante coa actividade habitual. Outras profesionais forman parte de servizos básicos para o abastecemento e o coidado da poboación, especialmente daqueles grupos máis vulnerábeis.

"Traballadoras denuncian a ausencia de procedementos de actuación claros para asegurar a propia saúde e a das demais".

Nun caso e noutro censuran a carencia de material de protección individual e a ausencia de procedementos de actuación claros para asegurar a propia saúde e non afectar a das persoas coas que entran en contacto.

Automoción

O sector da automoción foi un dos primeiros en reaccionar. Industrias auxiliares anticiparon durante a fin de semana unha tendencia que se foi estendo pola área metropolitana de Vigo para chamar a atención sobre a falta de cumprimento das medidas de seguridade, hixiene e distanciamento social que requirían as autoridades. A firmeza das traballadoras e das súas representantes levou, por exemplo, ao peche da planta Citroën desde hoxe mesmo.

Con todo, as liñas de produción xa se resentiron estes días ante o plante dalgunhas factorías como Faurecia-Asentos da Galiza. Con data do 15 de marzo, o comité de empresa da fábrica adoptou, por unanimidade, a decisión de aplicar o artigo 21 da Lei de prevención de riscos laborais, por perigo grave e inminente.

"Traballadoras de Faurecia-Asentos da Galiza reduciron a actividade da empresa a 5%".

A dirección reorganizou as quendas para facelas progresivas, mais a imposibilidade de repoñer máscaras e, sobre todo, a exixencia das cadeas de montaxe de traballar "uns pegados a outros", sen distancia de seguridade levou as traballadoras, unhas 550 entre indefinidas e eventuais, a reducir a actividade ao 5% da habitual.

Centros de chamadas

O persoal dos centros de chamadas tamén foi dos primeiros en reaccionar. Traballadoras de Unísono e Bosch en Vigo, mais de Atento, na Coruña, denunciaron ante Inspección de Traballo a falta de cumprimento das medidas de prevención recomendadas para evitar o contaxio por coronavirus. "As empresas ignoraron todos os protocolos".

As compañeiras seguen traballando sen distancia de seguridade e seguen compartindo cubículos, teclados e cascos con micrófono incorporado sen que ninguén adopte ningunha solución", recalca a este xornal Patricia Cordo, responsábel dos centros de chamadas da CIG. "Cada día pasan tres persoas polo mesmo posto de traballo, co risco que iso implica. Non dispoñen dun equipo de protección individual (EPI) específico" para afrontar esta crise sanitaria, engade.

"Cada día pasan tres persoas polo mesmo posto de traballo. Comparten teclado, cascos e micrófono".

Após as denuncias dos traballadoras, a estes centros de traballo comezou a chegar material novo, "pero non é suficiente", sinala Cordo, ao igual que tampouco o é, di, a porcentaxe de teleoperadoras á que lle autorizaron o teletraballo. "A maioría segue acudindo aos seus postos". Noutras oficinas reforzaron a limpeza e a desinfección dos espazos. "En Extel deixamos un posto libre entre compañeiras, pero a xente está preocupada porque o risco de exposición ao virus mantense", aclara a representante sindical, "sobre todo entre traballadoras con enfermidades previas ou que conviven con persoas vulnerábeis".

Siderurxia

A planta de Alcoa en San Cibrao segue traballando con normalidade a día de hoxe. Tamén as súas auxiliares, máis con novos protocolos de entrada e saída, reorganización de quendas e solicitudes específicas por parte do comité de empresa para vixiar de perto a saúde das traballadoras con patoloxías previas ou máis sensíbeis a un posíbel contaxio.

"As entradas estanse facendo de forma gradual para evitar a coincidencia de moitas persoas nunha mesma zona", explica a Nós Diario Quique Rocha, portavoz da plataforma de empresas auxiliares de Alcoa na Mariña.

"En Alcoa e nas súas auxiliares as entradas son graduais para evitar a coincidencia de moitas persoas nunha mesma zona".

Perto dun millar de persoas suman o seu traballo á planta siderúrxica a través de factorías asistentes desde dentro do propio recinto industrial. Comparten espazos comúns coas traballadoras da factoría -máis dun millar-, algúns pechados por prevención, como é o caso do comedor.

Polo demais, engade, "instalaron puntos de desinfección ao carón dos ficheiros e converteron as xornadas partidas en continuas para limitar a mobilidade". Con todo, advirte Quique Rocha, a produción segue sendo a gran prioridade, máis que o ordenamento dun protocolo de contención integral para todo o persoal afectado.

Atención no fogar

As traballadoras sociais e, en particular, as traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) -que prestan os concellos ben directamente ben a través dunha empresa- xuntan algunhas das condicións máis críticas en materia de prevención durante os primeiros días de confinamento das persoas que adoitan atender nas súas casas.

"Son persoas vulnerábeis, dependentes, que poden non contar cunha rede de apoio familiar para afrontar unha situación excepcional como a que estamos vivindo", apunta Antonio Niño, secretario comarcal da CIG en Lugo que estes días traballa na definición das condición de traballo indispensábeis para que estas traballadoras non se vexan afectadas nin se convertan en foco de contaxio.

Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar sofren condición críticas en materia de prevención".

"A día de hoxe, non contan coas medidas de protección sanitaria necesarias e o desabastecemento compromete que o vaian ter". Ademais, esténdese, "moitas Administracións locais xa non dispoñen de material que achegarlles para a súa protección e a das persoas que visitan porque tiveron que poñelo a disposición da Autoridade", e isto complica máis as cousas.

Alimentación

Tendeiras do sector alimentario, repoñedoras e caixeiras de grandes áreas comercias que venden comida, repartidoras a domicilio, empregadas de gasolineira mais outras moitas profesionais de servizos técnicos e administrativos, ademais de sanitarios e industriais, seguen pendentes das súas xornadas laborais fóra da casa, en contacto con clientes e usuarias mais tamén coas propias compañeiras privadas de teletraballo e de equipos de prevención suficientes.

Non todas se conforman, moitas, seguen negociando melloras que protexan a súa saúde e a das demais.

Comentarios