domingo 19.01.2020
Cara á greve no ensino

Mobilización do profesorado pola recuperación horaria

Delegadas e delagados sindicais do ensino esixiron ante a Xunta a recuperación do horario lectivo para o profesorado. Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, anunciou mobilizacións para 21 de novembro e greve en decembro.   

 

Concentración do profesorado (@cigensino)
Concentración do profesorado (@cigensino)

No marco da greve do profesorado convocada para o vindeiro 12 de decembro desenvolveuse en San Caetano esta cuarta feira, 13 de novembro, unha masiva mobilización de delegadas e delegados sindicais de CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o profesorado, de CCOO-Ensino, ANPE e de FeSP-UXT.

O obxectivo é puxar ante a Xunta da Galiza para que esta abra unha negociación que permita ao profesorado recuperar os 18 períodos lectivos semanais en ensino secundario e os 21 en primario que foron recortados nos anos 2011 e 2012.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, anunciou próximas mobilizacións para o día 21 de novembro ás 19.30 horas de maneira simultánea nas sete grandes cidades galegas.

Bermello voltou a pedir á Xunta que non use o persoal docente como arma política na súa pugna co Goberno de Madrid e apelou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a que desbloquee a negativa a negociar a devolución do horario lectivo. Así mesmo, valorou que a Consellaría de Educación «non ten peso político» e lamentou que se estea a limitar a «transmitir meramente as consignas do seu xefe», en referencia a Feixoo.

Bermello voltou a pedir á Xunta que non use o persoal docente como arma política na súa pugna co Goberno de Madrid

O secretario nacional da CIG-Ensino tamén pediu ao presidente do Executivo galego que non siga coa «escusa dos fondos que ten que achegar o Estado porque isto supón estar empregando o profesorado galego como refén diante das súas liortas co goberno de Madrid».

Neste sentido, volveu recordar que en ningún momento a Xunta de Galiza devolveu ao Estado os cartos que aforrou con esta medida que supuxo a perda de miles de postos de traballo no ensino público galego. 

Os sindicatos lembran que o colectivo docente de sete comunidades do Estado xa recuperaron os horarios que lles recortaran, polo que chaman a participar masivamente nestas mobilizacións, así como tamén da greve do día 12 de decembro «para recuperar a dignidade do profesorado e do ensino público vilmente atacado polos gobernos da Xunta e de Madrid nos últimos anos».

O pasado 30 de outubro representantes destas organizacións sindicais protagonizaron un encerro na sede da Consellaría de Educación por esta mesma reivindicación.

comentarios