Mariscadores da ría de Ferrol lamentan a "falta de compromiso" para recuperar os bancos

A produción caeu en perto de 30% no último ano.
Mariscadoras de Vilanova traballando este Nadal, que lles permitiu remontar as vendas (Foto: Cedida).
photo_camera Mariscadoras de Vilanova traballando este Nadal, que lles permitiu remontar as vendas (Foto: Nós Diario).

As confrarías da ría de Ferrol seguen agardando unha resposta por parte das Administracións e organismos competentes que a comezos de 2021 accederon a integrar unha mesa de traballo para traballar nas causas da caída da produción marisqueira nos últimos anos.

Hai máis de dúas semanas, denunciaron a "falta de compromiso" cos obxectivos deste foro, que na súa xuntanza o pasado maio encargou á Estación de Bioloxía Mariña da Graña —dependente da Universidade de Santiago de Compostela— un orzamento para a elaboración dun informe preliminar que tería que derivar nun estudo definitivo sobre as causas do deterioro produtivo da ría e as posíbeis solucións.

"Seguimos abandonados e a nosa sensación é que esta ría non lles interesa", asegurou este domingo o patrón maior de Barallobre, Jorge López.

O mariñeiro lembra que até o momento "só a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao" comprometeu a súa achega para a realización do traballo.

López sinalou que, a pesar deste "silencio", seguirán procurando financiamento.

"Cremos que o estado da ría non se debe a unha única causa", dixo, en referencia aos resultados dun informe que a Consellaría do Mar difundiu hai máis dun ano sobre a afectación nos bivalvos do banco das Pías, que estaría provocando un parasito.

Caída significativa da produción

Os datos ao fechamento do primeiro semestre do ano reflicten unha caída de algo menos de 30% na extracción de ameixa babosa en comparanza co mesmo período de 2020, e de 80% a respecto de 2019.

Comentarios