MANUEL BALDOMIR, MARISCADOR DA RÍA DO BURGO

“Estamos a piques de perdermos os permex por embargos”

Manuel Baldomir é membro da Directiva da Agrupación de marisqueo a pé da Confraría de Pescadores da Coruña. 

Baldomir
photo_camera Baldomir

Cal é o estado do colectivo de mariscadores da ría do Burgo?

Estamos nunha situación drástica. Os bancos marisqueiros diminuíron a pasos axigantados. De feito, non damos capturado nin o 40% dos topes de captura. Este ano está a ser nefasto. Tivemos a ría pechada mes e medio por un vertido de hidrocarburos e, recentemente, a toxina provocou feches. De feito, a varios compañeiros vanlles retirar o permex por ter embargos. Aínda que só traballemos un día ao mes temos que seguir pagando a cota de autónomos e, por riba, non podemos acollernos ás axudas ao desemprego dos autónomos. Non entendemos por que a Xunta non achega solucións á situación que padecemos.

Que solucións demandan?

Unha liña de axudas. Xa solicitamos axudas anos atrás dada a improdutividade da ría, que se atopa ao redor do 19% da súa capacidade, e dado que non capturamos nin o 40% dos topes de captura. Isto débese tanto ao estado da ría como ao furtivismo, que durante anos esquilmou os cultivos. Estamos asfixiados e a Xunta non fai nada. Metéronse moitos cartos públicos en distintas empresas e o Goberno galego mesmo habilitou non hai moito axudas para renovar pezas do baño e da cociña para fomentar a construción. A Xunta non recoñece o marisqueo como un traballo ou que pasa?

Nos anos 80 eramos máis de 2.100 traballadores vivindo directamente da ría do Burgo, e agora entre o marisqueo a pé e a flote non chegamos aos 100

Como ve o futuro do marisqueo na ría?

Ou dragan a ría ou morre de inmediato. É frecuente que os mariscadores da ría do Burgo cobren ao redor de 400 euros ao mes e paguen os 200 euros da cota de autónomos. Así non hai quen viva. As cifras xa reflicten o estado do sector: nos anos 80 eramos máis de 2.100 traballadores vivindo directamente da ría do Burgo, e agora entre o marisqueo a pé e a flote non chegamos aos 100. E non hai que ir tan lonxe, en 2005, os mariscadores a pé eramos 140 e agora só somos 70. É moi penoso e vergoñento que isto aconteza. O marisqueo é un sector estratéxico que debería ser conservado.

En que estado administrativo se atopa o proxecto para a rexeneración da ría do Burgo?

As últimas noticias que temos por parte tanto da Xunta de Galiza como do Goberno central é que seguen adiante co proxecto construtivo e mais o de impacto ambiental. Dinnos que teñen pensado licitar en novembro ambos os proxectos. Con todo, son moitas as promesas incumpridas que teñen feito ao longo destes anos e seguimos con desconfianza… Eu non o creo até que vexa as máquinas para dragar a ría.

"Deberían publicarse no DOG e no BOE as partidas orzamentarias e un calendario vinculante"

Cales son as medidas que se deberían tomar de inmediato?

Sen lugar a dúbidas, a publicación no DOG e no BOE das partidas orzamentarias concretas a investir na ría, así como un calendario vinculante. Só así teremos a garantía de que as promesas se convertan en feitos. Para o 2016 destinaran un millón de euros e prometeran dous millóns en 2017, 2018 e 2019, pero este ano aínda non se licitaron os proxectos pendentes… polo que non temos a confianza de que, realmente, se vaian investir eses cartos.

Como xa acontecera anos atrás…

Durante tres anos consecutivos, a través de iniciativas presentadas polo BNG en Madrid, o Goberno central, daquela do PSOE, consignara partidas de 1 millón de euros para a limpeza da ría mais eses cartos nunca chegaron a investirse. Desde que o PP está no Goberno, o BNG -tamén IU nos está axudando nos últimos tempos- solicitou investimentos para a ría do Burgo pero nunca aceptou ningunha destas iniciativas.

Quen ten a responsabilidade de acometer as actuacións que precisa a ría?

Quen ten que executar as obras é o Goberno central a través do Ministerio de Medio Ambiente. Unha vez se retiren os lodos, en colaboración coa Consellaría do Mar, o Goberno central ten que elaborar un plan de rexeneración da ría para devolver os bancos marisqueiros á situación inicial na que se atopaban antes de ser soterrados polos lodos.

"A visita dos eurodeputados á ría supuxo un toque de atención para o Goberno central e para a Xunta de Galiza"

Supuxo un punto de inflexión a visita dos eurodeputados e eurodeputadas á ría?

Creo que si, a raíz desa visita conseguimos que o estado da ría se debatera en Bruxelas. Parece que a viaxe dos eurodeputados supuxo un toque de atención para o Goberno central e para a Xunta de Galiza. Moitos compañeiros levan anos e anos loitando polo dragado da ría e todo quedaba en nada. Unha vez que ten lugar a visita dos deputados do Parlamento europeo, grazas a Ana Miranda, elaborouse o estudo do CEDEX. Penso que a visita abriu os ollos das Administracións.

Comentarios