venres 23/07/21

As mariscadoras do Burgo, pendentes das axudas

Un estudo encargado pola Xunta pon o foco no Goberno estatal.
As obras na ría obrigarán a parar a actividade extractiva. (Foto: Xunta da Galiza)
As obras na ría obrigarán a parar a actividade extractiva. (Foto: Xunta da Galiza)

As obras da dragaxe da ría do Burgo xa están adxudicadas, pero as mariscadoras seguen sen saber nada das compensacións por parar a actividade extractiva mentres duren os traballos na zona.

Agora, un informe elaborado polo catedrático en dereito administrativo da Universidade de Compostela (USC) Luís Míguez Macho a pedimento da Consellaría do Mar sitúa o Goberno estatal como administración responsábel das compensacións por esta parada.

O documento, remitido polo departamento que dirixe Rosa Quintana á confraría de pescadores da Coruña, analiza a distribución de competencias en relación coas eventuais compensacións económicas polo cesamento temporal da actividade marisqueira debido ás obras no dominio público marítimo-terrestre desta ría.

Revisadas a Lei de Costas, as competencias administrativas e as sentenzas xudiciais, o texto conclúe que é o Goberno español quen debe facerse cargo destas compensacións como administración titular dos terreos e promotora da obra.

Así mesmo, Macho sinala no seu estudo que a suspensión por parte da Xunta da actividade marisqueira na zona afectada é consecuencia da prevalencia da competencia estatal en materia de obras públicas de interese xeral sobre as competencias autonómicas que se exercen sobre o dominio público marítimo terrestre.

Por conseguinte, apunta que as eventuais compensacións que poidan corresponder ás persoas e entidades afectadas pola suspensión da actividade marisqueira durante a execución do proxecto de dragaxe ambiental da ría do Burgo "son competencia e responsabilidade exclusiva da Administración xeral do Estado". 

As obras de dragaxe poderían comenzar en cuestión de semanas, por iso as mariscadoras reclaman saber algo das compensacións antes de parar. 

comentarios