Mariñeiros galegos en Noruega reclaman que se denuncie o país no TEDH

Máis dun cento de persoas exixiron que a Xunta defenda o seu dereito a percibiren as pensións. 

Long Hope
photo_camera [Imaxe concentración en Vigo. Long Hope]

Esta segunda feira (20 de abril) os mariñeiros galegos embarcados en buques con bandeira norueguesa aos que o país nórdico se nega a pagar as súas pensións, manifestáronse na capital galega para reclamar que os gobernos galego e español se impliquen na resolución do conflito. 

Neste senso, exixen que se presente unha demanda contra Noruega perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). Cuestión que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego en senllas iniciativas presentadas por BNG e AGE. 

"Noruega non é ese país maravilloso que se di", sinalou o presidente da asociación Long Hope, Alberto Paz, en relación coa situación que atinxe arredor de 10 mil mariñeiros galegos cotizantes durante décadas no país escandinavo.

Os mariñeiros galegos pagaron entre 1952 e 1994 impostos por valor de 520 millóns de euros

"Nós fomos alí residentes obrigatorios fiscais e nunca residimos no país, e que alguén me explique que razón tiña que nós tivésemos que pagar o IRPF", sinalou. "Non estou falando de impostos indirectos, senón de impostos directos" cos que contribuíron a financiar "estradas, sanidade, educación e non recibimos nada a cambio, nen as graza, unha patada", denunciou Paz. 

Cotizantes sen prestación

Os mariñeiros galegos pagaron entre 1952 e 1994 impostos por valor de 520 millóns de euros. Porén, Oslo non recoñece o dereito a pensión ou prestación argumentando que non residían no territorio, pois estaban embarcados. 

Segundo os mariños a decisión vulneraría os convenios de Dereitos Humanos ao "discriminar por nacionalidade" (artigo 14 da Convención europea de 1950). 

Destarte, instan o goberno de Alberto Núñez Feijóo a ter "a decencia suficiente" para "axudar" os traballadores do mar e apuntan que non cesarán nas súas demandas até acadaren unha solución. Polo de agora xa teñen previstas 34 manifestacións en 2015. 

No número 140 do semanario en papel Sermos Galiza explica o conflito polo miúdo nunha reportaxe intitulada Os 'galisisk': dez mil galegos contra o Reino de Noruega. Podes adquirilo na nosa loxa. 

comentarios