NA ACAMPADA DE SAN CAETANO

Os mariñeiros do cerco: “Róubannos! Isto é como a estafa das preferentes”

Fanse oito días desde que os mariñeiros do cerco decidiron cambiar os aparellos polas tendas de campaña. Asentados diante do edificio da Xunta en San Caetano, “o que os nosos fillos chaman o castelo da bruxa, por Rosa Quintana”, aseguran que continuarán coa protesta “até rompermos o reparto”.

Cerco
photo_camera Cerco

Aínda que nun principio eran menos, a día de hoxe son 160 as tendas de campaña nas que “viven” estes días os armadores do cerco. Ao igual que os buques, as tendas portan cadanseu nome e indican o número de familias que viven dos barcos. “Non nos quedou outra que cambiar o mar pola terra”, sinalan os mariñeiros. E é que o reparto de cotas, que cualifican como inxusto, non lles dá outra opción, “ou protestamos ou roubamos, porque co que nos asignaron nos nos dá nin para pescar unha semana”. 

José Verdes, armador de Malpica, explícanos que os mariñeiros galegos que representa ACERGA "nunca aceptamos o reparto”. O cambio no sistema de cotas “vén de hai case tres anos, antes sabiamos con antelación o que podiamos pescar, por iso nos hipotecamos e compramos barcos, pero desde entón, cos cambios na normativa, levámolo cru”.  “Vímonos na obriga de montar a asociación para loitar contra este Goberno, tanto o da Xunta como o español, todo é o mesmo, o PP, que non nos deu opción a nada”, sinala.

'O Miñones': Imaxina que estafa: de poder pescar 6.000 kg de xurelo ao día a pescar 8.000 nun ano

Este mariñeiro de Malpica compara o “roubo” que sofren co calote das preferentes, “mercamos barcos de medio millón ou dun millón de euros en base aos cotas que tiñamos asignadas antes de 2013 e, de súpeto, cos cambios no reparto, atopámonos con cotas que non nos dan nin para saír ao mar”. ‘O Miñones’, mariñeiro de Camariñas, interrómpelle para pórnos como exemplo o caso que padece, “en 2013 podía pescar ao día 6.000 kg de xurelo, 7.000 de sardiña, 10.000 de bocarte e outros 10.000 de xarda. E saliento o de ‘ao día’, porque cos cambios no reparto agora só podo pescar 8.000 kg de xurelo ao ano”. “Imaxina que estafa: de poder pescar 6.000 kg de xurelo ao día a pescar 8.000 nun ano”, sinala.

Co sistema antigo de reparto de cotas, ‘O Miñotas’ botou contas e viu que podía mercar un barco, “gastei uns 415.000 euros no barco para apenas tres anos após non poder saír ao mar”. Explícamos que os seus gastos fixos contemplan uns 3.000 euros ao mes de Seguridade Social, o salario dos oito mariñeiros que ten ao cargo e de dúas redeiras en terra, o combustíbel e o crédito do barco. “Así é imposíbel sobrevivir, obrígannos a roubar”, denuncia. “Antes estabamos acojonados cando saiamos ao mar, e agora vémonos acojonados cando chegamos á terra por se nos pillan co peixe. Nin que fósemos delincuentes”, di. “Trátannos coma narcotraficantes”, lamenta José Verdes, que acusa os gobernos da Xunta e do Goberno central de facer negocio co mar, “venden cota galega á UE e a UE repártea ao país que lle convén”.

“Os nosos fillos, cando viñeron esta fin de semana visitarnos, preguntaban papá, este é o castelo da bruxa? (polo edificio da Xunta e por Rosa Quintana)

“En definitiva, chove por nós, nunca mellor dito, e ninguén nos ampara”, di un dos compañeiros de José e de ‘O Miñones’. “Os partidos da oposición apóiannos”, contesta outro. Todos se queixan de que a Xunta de Galiza non se interesara por eles, “levamos aquí oito días e ninguén da Xunta veu vernos”. “Os nosos fillos, cando viñeron esta fin de semana visitarnos, preguntaban papá, este é o castelo da bruxa? O do castelo dicíano polo edificio administrativo da Xunta e o de bruxa era por Rosa Quintana (conselleira do Mar)”, cóntannos.

Non se renden. Dinnos que teñen pensado unha acción “que vai ser a bomba”, mais non nos adiantan de que se trata. “Iremos a Madrid, a Bruxelas ou onde faga falta. E por suposto, pasaremos aquí o Nadal. Non nos movemos até que non rompamos o reparto”, salientan. Despídense de nós convidándonos a comer o turrón en decembro.

Comentarios