A Mariña treme polo futuro de Alcoa

A decisión de Alcoa de reducir en máis de 10% a súa produción polo prezo do megavatio que ten que pagar ao se tratar dunha industria electrointensiva volve ameazar o futuro das súas traballadoras e traballadores. A fábrica da Mariña representa 2% do PIB da Galiza. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_4_Alcoa
photo_camera [Imaxe: Cedida] Fotografía aérea da factoría.

m_4_AlcoaRepresenta o 2% do PIB de Galiza, arredor de 1100 empregos directos e outros tantos indirectos e un papel chave no conxunto da actividade económica da zona. A decisión da dirección de Alcoa de reducir en 11% a súa produción na factoría de San Cibrao vén de prender todas as alarmas na comarca da Mariña. As forzas sindicais e políticas prepáranse para unha batalla social e institucional na defensa do emprego.

O pasado mes de agosto a dirección de Alcoa anunciou a súa intención de reducir a fabricación de aluminio na factoría de San Cibrao. A paralización de trinta e dúas cubas de electrólise, sumada a outro recorte executado no mes de marzo, provocou no que vai de ano unha baixada da produción do 11%. Segundo as fontes da empresa, “a redución da produción de aluminio, paralizando un grupo de 32 cubas dun total de 512, faise de xeito ordenado e seguro para tentar rebaixar as perdas e garantir a viabilidade”.

A diminución da produción de aluminio non veu acompañada até agora dunha caída do emprego. Malia os temores existentes entre as e os traballadores, a empresa comprometeuse diante da representación sindical a manter polo momento a totalidade da man de obra empregada, “renunciando a adiantar a finalización dos contratos eventuais que están a substituír o persoal de vacacións na planta de aluminio” e “contando co persoal que superou os sete meses de probas cunha avaliación positiva para cubrir as vacantes que se vaian xerando”.

A decisión de recortar a fabricación de aluminio non colleu ninguén por sorpresa. Á altura do mes de marzo, coincidindo coa aprobación inicial do estatuto que regulará o réxime enerxético das empresas electrointensivas, Alcoa xa ameazou co feche da súa factoría de San Cibrao, denunciando que os custos de produción a facían inviábel.

Segundo os números presentados pola empresa, a fábrica da Mariña xerou durante este ano unhas perdas mensuais de ao redor de cinco ou seis millóns de euros, declarando en 2018 un quebranto na súa conta de resultados de 53 millóns de euros. Os problemas do complexo mariñán son coñecidos desde hai tempo. A negativa da compañía a acometer investimentos na factoría galega non só é un síntoma da falla de interese pola mesma, senón que afecta directamente á súa marxe de beneficios e á continuidade da actividade.

[Podes ler a información íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios