O mar galego perdeu nestes anos 42% das súas mariscadoras

Mariscadora
photo_camera Mariscadora

No sector do mar de Galiza hai unha profesión extractiva onde as mulleres son rotunda maioría: o marisqueo a pé. É un traballo duro, que pasa factura tras anos de faenar inclinadas ou coa auga polos cadrís para coller ameixa e berberecho, principalmente: reumas, lumbalxias e unha longa ringleira de doenzas... O marisqueo a flote (feito desde unha embarcación), xa é ''cousa de homes'' e a presenza das mulleres nesa categoría é testemuñal. O marisqueo que se ten por 'básico' (a pé), para as mulleres. O que require medios (gamela, lancha, bote..), para os homes.

A comezos de século había en Galiza 6.551 persoas con pemex, permiso para traballar ao marisqueo a pé. Na actualidade son 3.799, o que supón unha caída de 42%. Perdemos nestes anos 2.752 postos de traballo no marisqueo a pé.

Das case 3.800 mariscadoras que hai na actualidade, case a metade teñen máis de 51 anos de idade mentres que apenas 185 teñen menos de 30 anos. Unha situación que dá idea do avellentamento deste sector produtivo. En paralelo a esta perda de empregos no sector extractivo máis feminizado do mar galego, hai aumentos da presenza das mulleres noutros campos: bateeiras, patroas, mariñeiras...aínda que en cifras moito, moito máis discretas.

Comentarios