Mantense a folga na planta de lixo de Lousame

Malia que se intentou evitar até o último momento, o paro afecta finalmente na xornada de 7 de decembro aos concellos de Ames, Rois, Brión, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures.
Planta de tratamento de lixo de Lousame
photo_camera Planta de tratamento de lixo de Lousame

A convocatoria de folga da planta de tratamento e recollida de lixo da mancomunicade do Barbanza, con sede en Lousame, desenvólvese este sábado 7 de decembro, ante a “falta de compromisos” por parte da concesionaria, segundo sinalan desde o comité de empresa.

Malia que se agardaba que os avances na negociación evitasen a mobilización, finalmente está a ter lugar na xornada de hoxe. Ademais, o comité advertiu nun comunicado que se a empresa “non move ficha xa no mes de decembro”, a convocatoria estenderase a “máis días durante o mes de Nadal”.

O intento por evitar o paro até o último momento respondeu á consciencia do que supón para a veciñanza unha folga destas características. Porén, após 8 meses de negociación do convenio colectivo, as posición entre as partes implicadas seguen lonxe.

As traballadoras e traballadores exixen o cumprimento do convenio estatal do sector do lixo, que implica un suplemento de tóxicos de 25%, ausente no seu caso.

O paro afecta a un total de nove concellos, entre os que se atopan Ames, Rois, Brión, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures.

Comentarios