10.000 PERSOAS NA MOBILIZACIóN DE VIGO

Manifestacións multitudinarias da CIG reclaman derrogar as reformas laborais de PSOE e PP

Milleiros de persoas saíron ás rúas en distintos puntos do país para asistir ás manifestacións convocadas pola CIG polo 1 de Maio. A máis numerosa foi a de Vigo, na que participou o secretario xeral, Suso Seixo, que chamou a acabar coas sucesivas reformas laborais do PSOE e do PP.

GALIZACIG
photo_camera GALIZACIG

Con berros como “A crise social, que a pague o capital” ou “Coa CIG na rúa, a loita continúa”, milleiros e milleiros de persoas percorreron as rúas das cidades e principais vilas do país para reclamar a derrogación das reformas laborais do PP e do PSOE, a derrogación da Lei Mordaza e soberanía para que Galiza poida decidir. Tamén saíron á rúa para protestar contra a política antisocial que practica a UE e contra o capitalismo.

O epicentro das mobilizacións do sindicato nacionalista foi Vigo, manifestación na que participaron 10.000 persoas e á que asistiu o seu secretario xeral, Suso Seixo. Na súa intervención, ao concluír a marcha, cargou contra as reformas do PSOE e do PP, unhas reformas “con graves consecuencias para a clase traballadora” e que supuxeron “abaratar e facilitar os despedimentos individuais ou colectivos, reducir a contía das prestacións por desemprego e dificultar o acceso ás mesmas, provocar unha caída xeneralizada dos salarios, incrementar a xornada laboral e a precariedade e facilitar o incumprimento dos convenios e debilitar a negociación colectiva”.

Suso Seixo: "As reformas laborais que representan o maior ataque desde a transición contra os dereitos e intereses da clase traballadora"

“En definitiva, estamos a falar dunhas reformas laborais que representan o maior ataque desde a transición contra os dereitos e intereses da clase traballadora, levadas adiante coa única finalidade de debilitar a clase traballadora e incrementar o poder e os beneficios do capital”, acrecentou o secretario xeral da CIG, quen reclamou “a inmediata derrogación destas reformas laborais por representar un brutal recorte de dereitos e da calidade de vida da clase traballadora”.

Contra a Lei Mordaza

Suso Seixo tamén se pronunciou contra a Lei Mordaza, unha lei promovida polo PP “para reprimir a contestación social contra as súas políticas antisociais e antiobreiras”. Cualificouna de “profundamente antidemocrática” e de “instrumento represivo, en mans da policía e da dereita, que pode ser usado de forma totalmente arbitraria e discrecional contra aquelas persoas e organizacións que lle resulten molestas por opositoras ás políticas promovidas dende o poder”.

Suso Seixo: "A Lei Mordaza recorta gravemente dereitos como o de manifestación, expresión ou información"

Unha lei, engadiu, que “non respecta o principio de presunción de inocencia e que recorta gravemente dereitos como o de manifestación, expresión ou información”.

Contra unha UE antisocial

Aliás, o secretario xeral da CIG criticou o trato que lle dá a UE ás persoas refuxiadas. “Cómpre empezar por denunciar a hipocrisía e o cinismo desta UE que ao tempo que se lle enche a boca falando de dereitos humanos, promove todo un conxunto de medidas represivas e inhumanas contra estas persoas”, apuntou.

Seixo critica a hipocría e cinismo da UE

Denunciou que “estamos a falar de seres humanos que foxen de escenarios de miseria ou de perigo de morte, provocados en moitos casos polas políticas imperialistas da UE e dos seus aliados para favorecer abertamente os intereses xeoestratéxicos e económicos do capital transnacional”.

Polo dereito a decidir

Suso Seixo apelou durante súa intervención á defensa do dereito a decidir. “É de vital importancia”, salientou, “se queremos realmente superar certos parámetros económicos, sociais e culturais que caracterizan a nosa sociedade como son os altos índices de emigración; a perda e avellentamento da poboación; os salarios e as pensións máis baixas do Estado; o espolio continuado do nosos aforro, dos nosos recursos enerxéticos e das nosas materias primas; o abandono da nosa cultura e a perda de galego falantes ou a mentalidade e o complexo de colonizados”.

Seixo: "A única garantía que temos de poder mudar esta situación está en que o nacionalismo se converta nun movemento político e social maioritario en Galiza"

“Galiza non ten futuro mentres dependa de forzas políticas e de institucións políticas e financeiras españolas”, advertiu Seixo, quen subliñou que “a única garantía que temos de poder mudar esta situación está en que o nacionalismo se converta nun movemento político e social maioritario en Galiza”.

Por outro modelo económico e social

 Aliás, Suso Seixo criticou o capitalismo, un sistema que fomenta “a insolidariedade; a desigualdade social; a incultura; o feminicidio; a opresión dos pobos; a negación do carácter universal de dereitos fundamentais como o ensino, a saúde, o traballo, a vivenda, a enerxía, as pensións e outros; o confronto entre pobos e seres humanos e a explotación do home polo home”.

“Manifestamos pois, nesta data tan significativa para a clase obreira e para a CIG, como central sindical de clase e internacionalista, o noso firme compromiso e determinación de seguir a loitar por superar este sistema capitalista e facer realidade un novo sistema económico e social en Galiza que faga realidade a emancipación social e nacional da clase obreira galega”, concluíu.

Ana Pontón chama a trasladar as reivindicacións do 1 de Maio ao 26X

A portavoz nacional do BNG –formación que se sumou a todas as mobilizacións organizadas pola CIG- pediu o traslado das reivindicacións do 1 de Maio ao 26 de xuño, día no que se repetirán as eleccións xerais co fin de que Galiza “recupere a súa voz propia en Madrid”.

Pontón lamenta que "non se aproveitase a maioría parlamentar suficiente para derrogar tanto as reformas laborais como a Lei Mordaza"

A nacionalista lamentou que durante os últimos catro meses “non se aproveitase a maioría parlamentar suficiente para derrogar tanto as reformas laborais como a Lei Mordaza”. Nas declaracións aos medios, que ofreceu xunto a Suso Seixo antes de dar comezo a manifestación da CIG en Vigo, tamén cargou contra Feijóo por “estar contento” coas cifras do paro. “Hai máis de 228.000 persoas que non teñen emprego” e “case 200.000 teñen ingresos anuais inferiores aos 2.000 euros”, acrecentou.

Beiras di que a clase traballadora se converteu nunha escrava

O portavoz de Anova e de AGE, Xosé Manuel Beiras, tamén participou na manifestación da CIG en Vigo, onde denunciou que a "clase traballadora, que engloba a Galiza mariñeira e a labrega, e os autónomos traballadores, entre outros, está convertida en escrava". Tamén aludiu aos traballadores precarios e apelou á "mobilización e á rebelión cívica".

Comentarios