Manifestación pide que os convenios dos traballadores galegos se negocien en Galiza

Medio milleiro de delegadas da CIG-Industria manifestáronse na Coruña contra unha centralización da negociación colectiva que, afirman, prexudica os traballadores.

CIG negociación colectiva 2

As reformas laborais dos gobernos do PSOE e PP sentaron as bases para un proceso de centralización ou estatalización da negociación colectiva que se traduce, denuncia a CIG, na mingua da capacidade de decisión dos traballadores e nunhas peores condicións laborais. Medio milleiro de delegados da central nacionalista manifestáronse esta cuarta feira na Coruña na defensa do marco galego de relacións laborais. O secretario Nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi “Tupi”, denunciou que a sinatura do I convenio estatal do metal é un exemplo desa centralización.

“Non queremos unha negociación entre cúpulas patronais e sindicais en Madrid, afastada dos centros de traballo”, dixo Bouzas Aboi, que manifestou que .centralizar a negociación, favorece a aplicación de todos os recortes recollidos nas reformas laborais a través dos propios convenios colectivos. “Hai que combater este tipo de negociación, porque separar a negociación colectiva dos centros de traballo é abrir unha dinámica que deixa sen capacidade de decisión e sen loita os traballadores e traballadoras, creando un marco ideal para recortar dereitos e salarios”, advertiu.

A CIG aposta nun marco galego de relacións laborais “e por iso hoxe estamos aquí demandando un convenio galego do metal, que unifique as catro plataformas provinciais, homoxeneice o sector e evite así que entre as propias empresas se poidan facer competencia desleal polos custes salariais”. “Non necesitamos a negociación colectiva para negociar os día festivos, necesitámola para negociar os nosos salarios, a nosa xornada e as nosas condicións laborais”, insistiu.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denunciou que a patronal aproveitou a situación de crise e uns gobernos favorábeis para tentar precarizar cada vez máis as condicións de traballo. Areforma da negociación colectiva, afirma, “busca matar a negociación colectiva”, aseverou. A esta pretensión obedece a limitación da ultraactividade, favorecer os convenios de empresa fronte aos sectoriais, ou facilitar os descolgues.

Comentarios