Manifestación do sector da conserva en Vigo na procura dun convenio "digno"

Os sindicatos estiman en "perto de 100%" o seguimento desta nova xornada de folga, que paralizou case por completo a actividade do sector na Galiza, mais a patronal fala de 27,6%.
Manifestación do sector conserveiro en Vigo, esta quinta feira (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Manifestación do sector conserveiro en Vigo, esta quinta feira (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

O sector da conserva viviu esta quinta feira unha nova xornada de folga, levando a cabo unha manifestación en Vigo onde centenares de traballadores e traballadoras protestaron para exixir un convenio "digno" e a equiparación salarial entre mulleres e homes. A manifestación, que partiu desde a sede da delegación da Xunta en Vigo e percorreu varias rúas da cidade, produciuse o día despois da negociación entre sindicatos e patronal que, após case 12 horas, non chegou a bo porto.

Con berros de "Non somos escravas, somos traballadoras", "Por un convenio digno da conserva" ou "Igual traballo, igual salario", centenares de persoas protestaron con bandeiras de diferentes organizacións sindicais como CCOO, UXT, CIG ou CUT, tras unha pancarta que encabezaba a manifestación e que rezaba "Por un convenio xuto na conserva", asinada polas tres primeiras organizacións sindicais nomeadas.

Segundo as estimacións dos sindicatos, nesta xornada, como na anterior folga celebrada hai tan só dúas semanas, case 100% do persoal secundou a protesta segundo os sindicatos —a patronal cifra o seguimento en 27,8%, o que supón a práctica "paralización" das fábricas de conserva, non só da comarca de Vigo, senón do resto da Galiza e Cantabria, que entre ambos os dous territorios representan perto de 90% da devandita actividade do total do Estado español.

Neste senso, o secretario comarcal da FGAMT-CIG en Vigo, Suso García, asegurou que na cuarta feira estívose "moi perto" de chegar a un acordo, mais foi a última hora cando a patronal "se mantivo nas súas trece" en varios aspectos.

En concreto, nas condicións nas que se traballaría en fin de semana, a oito euros a hora, e a suba salarial, que só se chegou a un acordo de incremento de 6,5% para este ano polo Índice de Prezos ao Consumo (IPC), e de 1% para o próximos tres anos, con revisión en función do IPC, cando os sindicatos pedían 0,5% máis. "Con estas subas non se estaría pelexando por unha suba salarial, senón por unha conxelación salarial", lamentou.

"Hai unhas diferenzas de máis de 500 euros ao ano entre os grupos 5 e 6 de traballadores. É unha gran fenda salarial que queremos que, cando menos, nos anos de convenio se termibe con ela. E aí a patronal ofrecía 0,3% máis para o grupo 5 cada ano, algo claramente insuficiente", criticou o responsábel da CIG.

Patronal "machista e patriarcal"

Na mesma liña falou ante os medios o portavoz da federación agroalimentaria de Comisións Obreiras (CCOO), Francisco Vilar, quen indicou que a proposta da patronal é "vergoñenta" porque non iguala o salario das mulleres co dos homes, cunha diferenza de 15%.

Tamén criticou que a patronal faga unha proposta de suba salarial de 1% o que, ao seu xuízo, tería dúas consecuencias inmediatas. "A primeira é que é insuficiente, porque supón que os traballadores van financiar as empresas durante un ano (xa que non sería até final de exercicio cando a empresa revise os soldos á alza co IPC)", criticou, tras o que engadiu que a outra consecuencia é que os traballadores temporais non verían esta suba do IPC, xa que cando se produza o incremento posibelmente xa non estarán na empresa.

"Oportunidade perdida"

Pola súa parte, o secretario xeral da federación de Industria de UXT en Vigo, Rubén Pérez, asegurou que o día de onte foi "unha oportunidade perdida", unha "mágoa" e un "erro" de todos non alcanzar un acordo. "Buscamos unha solución para que os traballadores non sigan pagando o prato deste incremento do IPC e por tanto a perda do poder adquisitivo", explicou, incidindo tamén na importancia de resolver a "fenda salarial" que hai entre mulleres e homes no sector da conserva.

Pérez subliñou que o conflito "nunca é a solución", mais si unha "ferramenta". "É o momento de facer o último esforzo que permita aos traballadores teren unhas condicións dignas neste sector", sentenciou.

Comentarios