“Malia ser obrigatorio, a maioría das situacións de risco para a saúde non son comunicadas á poboación”

O persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública de Galiza vai á greve. Reclaman medios materiais e humanos e unha mellor organización do servizo que permita garantir a correcta vixilancia sanitaria.

Sanitario saúde público

Greve indefinida a partir do 18 de maio. As segundas, terzas e cuartas feiras e de maneira indefinida. Convocada por CIG, CCOO, UGT e CSIF a decisión do persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública para reclamar medios materiais e humanos e unha mellor organización do servizo que permita garantir a correcta vixilancia sanitaria. Denuncian que nestes momentos Galiza conta só con 62 profesionais para realizar todos os controis, un 38% menos que en 2006. E para atender máis de 9.000 estabelecementos en todo o país.

Denuncian que nestes momentos Galiza conta só con 62 profesionais para realizar todos os controis, un 38% menos que en 2006

Dende as centrais sindicais destácase nun comunicado que, a finais do pasado ano, o colectivo do persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública (FISP) dirixiuse á Consellería de Sanidade para demandar unha “maior responsabilidade sanitaria que evite riscos á poboación galega”. Dende entón, engaden, producíronse importantes alertas ambientais xurdidas, como o caso da auga de Ferrol, o brote de lexionela en Lugo, ou a intoxicación de máis dun centenar de persoas de dous clubs de baloncesto no Salnés.

Porén, afirman,  “Sanidade, lonxe de mellorar a situación, reduce máis a periodicidade no número de inspeccións a realizar”. Neste senso, destacan no comunicado que, malia ser obrigatorio, a maioría das situacións de risco para a saúde non son comunicadas á poboación. Por iso, remarcan, “é habitual que a cidadanía descoñeza a existencia de abastecementos que subministran ‘auga non apta para o consumo’; piscinas que incumpren os parámetros de calidade da auga; zonas de baño contaminadas sen ningún tipo de sinalización nin vixilancia; colexios, gardarías, balnearios e termas públicas sen control sanitario; velorios e tanatorios ‘ilegais’; ou casos de lexionela”. Iso sen contar, engaden, a “infinidade de fontes públicas e traídas veciñais que non están sometidas a ningún tipo de análise nin control”. Na actualidade está cuberto por 62 profesionais para atender máis de 9.000 estabelecementos en toda Galiza. 

A labor de inspección dos FISP, encargados de velar pola vixilancia da saúde pública ambiental, céntrase en:

•    Auga de abastecementos: municipais, propios e veciñais, asegurando a calidade do auga que beben todos os cidadáns e cidadás, como a que beben os nenos e nenas nas escolas, gardarías, fontes do camiño, etc.

•    Praias, asegurando a calidade do auga do baño (programa europeo).

•    Piscinas, asegurando a calidade do auga do baño e inspeccionando os sistemas de auga quente sanitaria de hoteis, ximnasios, piscinas, hospitais, residencias da 3ª idade e torres de refrixeración ou condensadores evaporativos en industrias, centros comerciais..., para poder controlar a lexionela e que non se cheguen a producir brotes.

•    Centros de tatuaxe, piercing e micropigmentación, para asegurar que se realizan con tintas autorizadas,e que as persoas tatuadoras teñan a formación e vacinación axeitada, velando pola saúde da cidadanía que requiren estes servizos.

•    Vixilancia en albergues do Camiño de Santiago.

•    Control de biocidas, produtos químicos, que se utilizan en piscinas, lexionela, auga de consumo humano, tratamentos de DDD, etc., coa finalidade de asegurar que non soamente se utilizan produtos autorizados polo Ministerio, senón que as empresas empréganas nas condicións adecuadas.

•    Atencións a denuncias cidadás 

Comentarios