Malestar polo "nefasto" reparto de cotas de pescada

Os recortes acordados por Bruxelas afectan tamén ao linguado e ao langostino, que mantén a prohibición das capturas fronte as costas galegas.
pescada
photo_camera Imaxe de arquivo de toros de pescada. (Foto: Nós Diario)

O reparto das cotas de pesca de 2022 non foi ben acollido na Galiza, onde a flota se verá afectada por un recorte de 8% na pescada sur que cualifican de "nefasto", así como pola prohibición das capturas de lagostino fronte as costas galegas. 

Para o presidente das confrarías galegas, José Antonio Pérez Sieira, se "aguantar" coas cotas que había até o de agora era "difícil", unha baixada na pescada "é nefasta". Lembra que é a terceira consecutiva e que se repite "o conto de todos os anos": unha proposta inicial de baixada do 18% na pescada "para que ao final quede na metade".

A isto únese unha "baixada moi importante para Galiza" de 5% no linguado, e a decisión "fatal" de non poder capturar lagostino. "Non sei onde fan eses estudos", lamenta Pérez Sieira, porque levan anos con observacións de que "hai moito lagostino", cun recurso "equilibrado", e que se vai a reabrir, aínda que tampouco será en 2022. "Non sei de que imos vivir", resume o tamén patrón maior de Ribeira.

Para o secretario xeral de Pescagalicia, Torcuato Teixeira, a proposta inicial de recorte do 18% na pescada era "brutal", pero que un recorte de 8% é igualmente "inasumíbel".

Teixeira reproba tamén por "lamentábel" que a captura de lagostino leve seis anos fechada, nunha decisión que se tomou no seu día "sen ningunha campaña científica". Apunta que os científicos falan de datos "espectaculares" desta especie, pero "séguese mantendo fechada".

Na súa opinión, as subas do xurelo ou o peixe sapo "non compensa" ter fechado o lagostino nin o recorte a unha frota "estratéxica" como a da pescada, que pode alcanzar os 900 buques na Galiza entre arrastre, cerco e palangre, que se verán "moi prexudicados" ao quedar con "apenas 5.000 toneladas".

Lectura da Xunta

Desde a Xunta, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, lamentou os "resultados moi escasos" e limitados do acordo alcanzado polos ministros de Pesca da UE.

Desde Bruxelas, Quintana sinalou que, con todo, o informe de Galiza "serviu para conter as propostas de desastre" que se prevían. Aínda así, desaproba que a delegación española, composta polo Ministerio de Pesca e o Goberno andaluz en representación dos distintos territorios do Estado, votase a favor do acordo xeral e só rexeitase as medidas propostas para augas do Mediterráneo.

Por todo iso, a conselleira recoñece non sentirse satisfeita cos resultados a pesar de lograr "minorar" a baixada da pescada sur en augas ibéricas.

Comentarios