A mala praxe das concesións activa folgas na recollida e tratamento do lixo

As concesións a empresas privadas de servizos públicos seguen a ser un niño de problemas laborais cando as condicións pactadas non se cumpren. Estes días dous conflitos chegaron ao seu límite coincidindo no tempo e no sector: a recollida e tratamento dos residuos.  O primeiro ten lugar na planta de residuos de Lousame e o segundo na empresa Albada en Nostián.
Folga en Albada (CIG)
photo_camera Folga en Albada (CIG)

O Complexo Medioambiental do Barbanza, situado no concello de Lousame xestiona o total dos residuos sólidos urbanos xerados nos concellos de Brión, Lousame e Porto do Son, Muros, Carnota, Rois, Pontecesures e Ames, ademais do papel e vidro procedente da recollida selectiva do municipio de Noia. A maior parte destes concellos están na Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza e a xestión é da empresa FCC, S.A.

O sistema de tratamento consta da implantación da recollida selectiva e a recuperación dos residuos de envases para a súa posterior reciclaxe. Malia contar con varios recoñecementos pola súa labor o persoal da planta vén denunciando que non contan co suplemento de tóxicos de 25% que teñen todas as traballadoras e traballadores no sector do lixo segundo convenio estatal. O comité de empresa, formado por CIG, CCOO e UXT, levan desde abril  advertindo que estarían dispostos a chegar á folga e tiveron unha o pasado 7 de decembro. Agora acordaron en asemblea convocar folga desde o 21 de decembro até o 7 de xaneiro, aínda que teñen previsto reunirse novamente en asemblea o día 28 de decembro para avaliar a situación e decidir se continúan ou non.Folga Albada (CIG)

Paulo Rubido, representante de CIG, explica que hai que  “corrixir as diferenzas que existen nesta planta respecto das outras plantas de tratamento de lixo de Galiza”. En Lousame hai un contacto máis directo co lixo, dado que a separación faise manualmente. Este é un dos motivos polo que segundo Rubido “é a que ten mellor resultado do Estado español e sexa considerada a segunda mellor planta de recuperación e reciclaxe de Europa”.

Recuperar a contrata de Albada na Coruña

No caso de Albada a situación é aínda peor. Esta empresa do grupo Urbaser anunciou esta pasada cuarta feira a través de comunicación formal o inicio dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) a 39 persoas. O 9 de decembro o persoal comezara unha folga indefinida polos recortes formulados pola empresa que inclúen o ERTE, unha modificación das condicións laborais, o decaemento do convenio e o despedimento dunhas 35 persoas máis. Hadrián Canosa, delegado de CIG na empresa, admite a súa preocupación logo de que “a empresa seguira a dar os pasos que anunciou no seu momento”.  

A mellor opción para o comité de empresa sería que o concello da Coruña rescatase a contrata mais, polo de agora, traballadoras e traballadores non teñen moita información. “A última reunión que tivo o comité de empresa co concello foi antes do inicio da folga, o 5 de decembro”, afirma Canosa a Sermos Galiza, “e foi para comunicarnos que estaban estudando a situación”. Agarda que para a segunda feira 16 de abril “teñan algo máis en firme” que certifique a recuperación da contrata.

Comentarios