Paulo Carril, secretario xeral da CIG

"Que máis ten que pasar para que haxa unha folga xeral?"

Entrevistamos Paulo Carril, secretario xeral da CIG, días antes de que teña lugar o 1 de Maio, data que este ano vén marcada polo chamamento a acumular forzas para encetar o camiño que leve a unha folga xeral. Amósase convencido de que é hora de intensificar a mobilización para obrigar o PP a “retroceder nas súas posicións antisociais e antiobreiras” e que, advirte, “permanecen inalterábeis no proxecto de orzamentos xerais do Estado”, e salienta a problemática das pensións como cuestión clave da greve. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 293.

[Imaxe: CIG] Paulo Carril
photo_camera [Imaxe: CIG] Paulo Carril

6Por que este é o momento para encetar o camiño para unha greve xeral?

Entendemos que neste momento o nivel de precariedade laboral, as novas formas de explotación, a pobreza… son cada vez maiores e corremos o risco de vivirmos peor que a xeración anterior. Está tamén o aumento do abuso da patronal, cómoda cunha reforma laboral e da negociación colectiva que lle permite asentar máis o modelo de individualización; con empresas multiservizos; ETT; contratos que duran horas, días, semanas; con contratación temporal; con caída enorme dos salarios…, por outro lado vemos que hai unha represión simultánea á imposición destas medidas que é unha combinación perfecta no social e no que ten a ver cos dereitos colectivos das nacións. 

O que se está a manifestar con toda a dureza coa que o PP actúa é a decrepitude dun réxime, o do 78, que no social leva a esa situación de non saída á que acabo de referirme, porque hoxe ter un traballo non garante vivir en condicións dignas nin ter unha pensión significa vivir en condicións dignas. O que nos motiva é toda unha suma de reivindicacións que esixe un paso á fronte pola recuperacións dos dereitos e por derrogar todas estas reformas e en materia de liberdades democráticas, sexa a Lei Mordaza ou a do Código Penal, e tamén dar un salto e demostrármoslle ao poder político e económico que estamos dispostos a resistir e a recuperar os nosos dereitos.
 

Está disposta a CIG a convocar a greve xeral en solitario?

Nós si, estamos dispostos, como xa fixemos en 2011. En marzo de 2011 convocamos a greve contra a reforma das pensións en solitario e demostrouse que había necesidade de facelo e en 2008 fomos quen empezamos a mobilizarnos contras as primeiras decisións do Goberno de Zapatero, contra aquel primeiro plan de rescate ao sistema financeiro. O sindicalismo nacionalista de clase historicamente deu resposta a situacións que se daban no país e non imos depender da posta en común con CCOO e UXT que nós convoquemos ou deixemos de convocar.
 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 293 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios