Galiza sumou 7.084 persoas ao desemprego no primeiro mes de 2015. Así se recolle nos dados do paro rexistrado publicados esta terza feira polo goberno español. Asemade, as filiacións á Seguridade Social caeron en 13.153 persoas o que supón unha variación interanual do 1,42%.
No noso país xa son 259.002 as persoas que non teñen traballo o que supón un incremento do 2,81% a respeito do mes anterior. Segundo as estatísticas do Ministerio de Traballo no noso país hai 135.405 mulleres na procura dun emprego e 123.597 homes. Aliás, 13.978 persoas son menores de 25 anos.
Por sectores os servizos reflicten unha maior destrución de emprego após a campaña de Nadal. Neste senso o número de persoas desempragadas neste ámbito sitúase en 161.474 (+7.389), seguido da construción con 33.940 desempregad@s (-256), industria 33.819 (-623) e a agricultura con 9.564 (+161).
Segundo a provincia, son Pontevedra e Coruña as que rexistran maior número de persoas no desemprego con 103.546 e 101.604 respectivamente. Nos territorios do interior Ourense suma 25.737 persoas no paro e Ourense 28.115.
A cifra de persoas que se incorporan aos rexistros do desemprego e que carecían dun posto de traballo con anterioridade cífrase en 416 máis que no mes anterior (20.205 en total). Os dados disgregados por idades sitúan esta tipoloxía de desempregad@s en 7.934 persoas entre 16 e 29 anos, seguid@s por 4.237 persoas entre 30-44 anos e 8.034 maiores de 44 anos.
O número de cotizantes á Seguridade Social sitúase por baixo do millón e entre as contratacións continúa a predominar a temporalidade no 90%
Continúa a destrución de emprego e a temporalidade
A destrución de emprego tamén incrementou no último mes. Así o número de filiacións á Seguridade Social reducíronse en máis de 13 mil persoas (13.153) o que supón unha variación de 1,42% a respeito do pasado ano. Neste senso, a cifra de persoas ocupadas sitúase por baixo do millón con 913.329 cotizantes.
Por ende, entre elas continúa a predominar a temporalidade. Neste senso, o 90,53% dos contratos (56.510) son temporais fronte o 9,47% que son indefinidos, tan só 5.911 dun total de 62.421.
Estado español
No conxunto do Estado español a tendencia é a mesma que en Galiza se ben as cifras no noso país superan a media estatal. Neste senso, a cifra de persoas desempregadas ascende a 4 millóns 525 mil 091 persoas no estado, o que supón un incremento de 77.980 a respeito do mes anterior e unha variación do 1,75%.