SÓ EN PAPEL

Máis iguais na precariedade e na pobreza

A concienciación das mulleres sobre a inxustiza dun sistema económico que desvaloriza o seu rol no mercado laboral segue plenamente vixente. Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, achega dados esclarecedores: a fenda salarial entre sexos mantense por riba do 22% e a temporalidade e a precarización seguen a afectar maioritariamente as mulleres. Reproducimos un extracto da reportaxe que abre o semanario Sermos Galiza 236.

IMG_20170228_142638

Os indicadores económicos máis relevantes reflicten unha serie de mudanzas significativas na participación e a calidade do emprego da muller no mercado laboral galego ao longo da crise. Fixando como referencia o ano 2008, cando a recesión era máis unha intuición que un feito, a fenda salarial entre homes e mulleres estaba por riba do 23% -arredor de 4.700 euros menos e, segundo UGT, no nivel do salario medio masculino do ano 2004-; en 2015, cunha relativa recuperación da situación económica xeral, esa diferenza estaba máis perto do 22%. Tamén a taxa de actividade apunta nesa dirección. Se antes da crise a distancia era de 16 puntos a prol dos homes, en 2016 situouse por baixo dos 10. E no referido á taxa de paro alcanzouse un certo equilibrio, superior, en todo caso, ao 20%, unha porcentaxe excesivamente elevada para unha sociedade moderna.

Reducíronse minimamente as diferenzas entre homes e mulleres no mercado laboral, mais non foi por unha mellora das condicións de acceso da muller, senón, segundo sinala a Confederación Intersindical Galega (CIG) no seu último informe, “polo grave empeoramento das condicións laborais entre a poboación masculina”. É dicir “esa diminución non é o resultado da mellora das nosas condicións salariais, senón da maior precariedade dos homes”, explica Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres do sindicato.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 236, á venda na loxa online e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios