Esta quinta feira (19 de novembro) persoal do Consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social concentráronse perante o organismo público para facer entrega de 1.066 sinaturas en defensa dos seus postos de traballo.
Da man da Confederación Sindical Galega (CIG) o cadro de persoal reivindica a aplicación do convenio "incluídas as retribucións" para pór fin á "discriminación" que atinxe estas traballadoras e traballadores en relación ao persoal da mesma categoría no resto da administración galega.
"Para a CIG é imprescindíbel a súa homologación total co resto das traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza", sinalan. Neste senso, sintetizan as súas reivindicacións nunha "táboa" na que exixen o mantemento de todos os postos, a aplicación "inmediata" do V Convenio laboral e tamén das "melloras laborais recollidas na Lei do Emprego, nomeadamente o sábado como día inhábil, a ampliación do permiso por parto ou adopción, a licenza por risco durante o embarazo ou a lactación e a licenza por asuntos propios".
Denuncian a súa "discriminación" en relación co persoal da mesma categoría que traballa noutras áreas da administración
Así mesmo, reclaman a "continuidade" das equipas de Inclusión Social, a "cobertura de maneira inmediata todas as baixas, permisos" e a "abertura de novas listas de substitucións para evitar a non existencia de persoal para substitucións".
Após entregaren as sinaturas conseguiron seren recibid@s polo novo xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, a quen lle arrincaron o compromiso de se reunir coa central sindical o 15 de decembro. De non pór solución ao conflito "nun prazo razoábel", advirten, darán continuidade a novas mobilizacións valorando mesmo a folga.