Máis do duplo de licenzas VTC en Galiza do que permite a lei

Os taxis acaban o seu paro de 36 horas sen desbotar novas mobilizacións o día que Fomento se reúne coas comunidades autónomas. Falamos con diversos representantes do sector.

Concentración de taxis galegos en San Lázaro antes de marchar cara a San Caetano.
photo_camera Concentración de taxis galegos en San Lázaro antes de marchar cara a San Caetano.

Na media noite desta cuarta feira finalizou a greve de 36 horas convocada polo colectivo de taxis galegos. Os servizos mínimos foron limitados até 20% –100% no caso de vehículos adaptados– en dúas xornadas que transcorreron sen incidentes. O paro iniciara na sexta feira en Barcelona, e estendeu rapidamente ao resto do Estado español en solidariedade co sector barcelonés. Na Galiza, a mobilización foi secundada unanimemente nunha asemblea que tivo lugar na segunda feira, na Coruña.

A matula prendeu na pasada semana, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya decidiu suspender de forma cautelar o regulamento do Concello de Barcelona para os VTC –vehículos de turismo con conductor, amplamente utilizados nas aplicacións de transporte privado como Uber ou Cabify–. A medida do goberno de Ada Colau pretendía obrigar as licenzas de VTC a adquirir unha segunda autorización para poder circular e traballar na área metropolitana, igualando o escenario para taxis e condutores privados.

“Non hai un control. Eu teño que traballar en Santiago, nin en Ames, nin en Teo nin na Coruña, mentres eles poden traballar en todo o territorio nacional. Iso é unha competencia desequilibrada"

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), a patronal dos VTC Unauto e máis o Ministerio de Fomento apresentaron cadanseu recurso contra esta nova normativa, que estaba xa encamiñada cara a súa aplicación. Os taxistas do resto do territorio do Estado agardaban que este regulamento provocase un “efecto dominó” cara a outras cidades, atallando o conflito e a competencia desleal que está a supor a actividade das licenzas VTC. Ante o bloqueo, o colectivo de traballadores artellou mobilizacións para presionar o ministerio de Fomento, institución responsábel da expedición destes permisos VTC.

“A licenza urbana promovida pola Área Metropolitana de Barcelona é unha autorización a nivel urbano. Os taxis xa temos a autorización do Concello correspondente, que nos regula tarifas, e logo temos outra autorización da Xunta para que, se temos que levar un cliente fóra, poidamos circular no ámbito interurbano”, explica Francisco Rivera, secretario da asociación Élite Taxi A Coruña. Actualmente, as licenzas VTC –máis baratas cás de taxi– permiten a circulación por todo o territorio nacional, facilitando a mobilidade do servizo e usurpando mercado aos taxis locais, circunscritos a unha demarcación determinada. “Estas licenzas, creadas para un tipo de servizo concreto, comezaron a usurpar o noso terreo, até un punto no que temos que facer algo”, expón Jesús Garcia, xerente de Radio Taxi Santiago de Compostela.

Un conflito que remonta á liberalización do mercado de 2009

O problema entre taxis e licenzas VTC nace no ano 2009, momento no que o goberno estatal aprobaba a lei Ómnibus, que liberalizaba o mercado do transporte privado, estimulando a competencia do sector. Naquela altura, ditos permisos eran utilizados principalmente para vehículos con chofer (limusinas, servizos discrecionais…), Uber e Cabify aínda non existían no Estado e o seu uso non estaba tan estendido.

 “Estas licenzas, creadas para un tipo de servizo concreto, comezaron a usurpar o noso terreo, até un punto no que temos que facer algo”

Durante eses anos, as licenzas foron expedidas sen atender á cota marcada pola lexislación previa, que establecía unha ratio dun VTC cada 30 taxis. Ante o cambio de paradigma do sector –coa chegada das aplicacións e o exceso de licenzas VTC–, no ano 2013 foi aprobada outra nova lei, que entrou en vigor no ano 2015, no que se rehabilitaba a medida de 1/30 e inhabilitaban a lei Ómnibus, finalizando a liberalización do mercado.

Porén, tempo despois, o Tribunal Supremo comeza a conceder mediante sentencia xudicial aquelas licenzas que foran solicitadas durante os anos da lei Ómnibus mais foran denegadas polo exceso de VTC que xa estaban a operar. Isto está a provocar o rebasamento dunha cota que xa non estaba a ser cumprida. “Santiago de Compostela é a cidade na que máis se nota na Galiza, porque co Camiño temos a galiña dos ovos de ouro. Isto empezou hai cinco anos, e foi pouco a pouco até agora, que temos catro taxis por cada VTC”, conta Richard Baluja, taxista na capital do país desde hai 20 anos. “Na Galiza somos máis de 3.000 familias que nos adicamos ao taxi e non podemos permitir isto, porque a lei xa marca unha VTC por cada 30 licenzas”, apunta.

A quinta comunidade con máis VTC

Na Galiza, a situación acaba por desembocar no estadio de San Lázaro, onde decenas de taxis de todo o país se concentran agardando para marchar cara a San Caetano. Alí, os taxistas poñen en común as cifras alarmantes que ameazan a supervivencia dos seus postos de traballo. Segundo os datos de Fomento recollidos en maio deste ano, Galiza conta con 3.605 licenzas de taxi e 276 licenzas VTC. Isto colócaa no quinto posto das comunidades con máis permisos deste tipo, ultrapasando o límite legal. Os rexistros tamén sinalan que a provincia na que é máis extremo este problema é A Coruña, con 190 permisos VTC.

“É unha cousa de tolos. En Santiago non chegamos a 100.000 habitantes e non se utilizan as aplicacións, mais en verán funcionan por medio de contratación previa, están metidos en hoteis e van por comisión, ou poñen anuncios no xornal ofrecendo servizo até o aeroporto cunha tarifa menor que a nosa, que está regulada”

“É unha cousa de tolos. En Santiago non chegamos a 100.000 habitantes e non se utilizan as aplicacións, mais en verán funcionan por medio de contratación previa, están metidos en hoteis e van por comisión, ou poñen anuncios no xornal ofrecendo servizo até o aeroporto cunha tarifa menor que a nosa, que está regulada”, critica Baluja. Aínda que Cabify aínda non aterreu nas urbes galegas –Uber só opera a nivel corporativo na Coruña con outras empresas–, o modo de traballo das VTC interfire na facturación e no mercado dos taxis galegos, que é acentuado nas tempadas altas.

“Non hai un control. Eu teño que traballar en Santiago, nin en Ames, nin en Teo nin na Coruña, mentres eles poden traballar en todo o territorio nacional. Iso é unha competencia desequilibrada. En Compostela temos unha ratio dunha VTC por cada catro taxis, e nos meses de xullo e agosto veñen de Madrid, Sevilla, Málaga…porque hai movemento de xente. Nós somos os que sufrimos durante o ano, cando xeralmente che custa chegar a fin de mes e estamos unha hora e media parados para facer unha carreira de cinco euros e, xusto cando podes cubrir algo o gasto, levan o mercado os e fóra”, debulla Jesús García, quen tamén destaca a presenza de VTC ligada aos grandes eventos.

Outro exemplo chega de Teo, onde operan nove licenzas de taxis. “Alí hai unha das empresas VTC que máis problemas está a dar. Mercárona tres compañeiros taxistas que montaron Radio Taxi Teo. O resto non puidemos poñer ese nome e agora traballamos baixo Radio Taxi Compostela Teo. Eles están a desviar servizos co radio taxi e, cando non dá feito cos tres taxis, envía os VTC, nos que a xente non sabe canto lle van cobrar”, detalla José Antonio Blanco Estévez, voceiro dos taxistas teenses. Blanco insiste en que o problema “non é que teñen a empresa, senón que están incumprindo a lei e fastidiándonos aos máis”.

Fomento ante a encrucillada

Perante estes acontecementos, o Ministerio de Fomento estivo a manter durante estes días reunións coas diferentes asociacións de taxis do Estado. As reivindicacións do colectivo adquiren unha dimensión nacional non só en solidariedade cos compañeiros de Barcelona, senón pola gravidade da situación ante o exceso da cota.

“Por agora vemos boa disposición de Fomento, nas negociacións hai varios puntos que se están a tratar, como a licenza urbana, a ratio 1/30 ou a derivación de competencias ás comunidades autónomas, por agora parece que hai que agardar á sexta feira para ver se se ratifica no Consello de Ministros”, declara Francisco Rivera, que tamén ve necesario que esa transferencia fose extensiva ás Administracións locais. “Os Consellos deberían tomar moito partido porque por exemplo, nós en Vigo non estamos a ser apoiados. Cando chamamos á Policiá Local para comunicarlles que detectamos VTC sen a folla de ruta visíbel non saben nin que pedirlles, nin que están incumprindo, nin nada”, acusa David Campos o mesmo día que o alcalde, Abel Caballero, fachendeaba ante os medios que os taxistas “sempre van atopar –na súa persoa– un aliado para defender os seus dereitos”. O taxista vigués tamén alerta sobre todas as solicitudes de licenzas “que están no xulgado agardando, porque o baleiro legal de 2009 pódelles permitir ser concedidas, e van saíndo así, por quendas”.

“Transferir competencias, non problemas”

A conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galiza, Ethel Vázquez, pronunciouse esta terza feira sobre o conflito, asumindo que o goberno galego está disposto a “abordar transferir competencias, mais non problemas”. Vázquez tamén solicitou un marco regulatorio claro que “resolva o baleiro” que deixou a lei Ómnibus. A política popular reunirase na tarde desta cuarta feira co Ministerio de Fomento, previa reunión co sector do taxi galego.

Comentarios